«Intentaremos facer de Barreiros un concello atractivo para vivir e visitar»

La Voz

A MARIÑA

NÚMERO DOUS DA CANDIDATURA DO PSdeG-PSOE EN BARREIROS

09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Nacín fai 47 anos nun pobo do interior de Lugo, Castroverde. Alí vivín os meus primeiros anos e cursei os estudios básicos. Na miña xuventude trasladeime á Mariña, onde fai 27 anos fundei unha empresa de construción, con moito esforzo e traballo. Resido en San Cosme e A Mariña é a miña vida, onde teño a miña familia e eduquei aos meus fillos, ós que intento inculcarlles os valores necesarios para a vida, como o respecto, a humildade, a solidariedade, cultura, confianza, esforzo e traballo, así como as bases para unha boa relación cos demais. En Barreiros foi onde me encontrei máis a gusto, dado o trato acolledor que se lle aquí ás persoas. Gústame coñecer rincóns do meu concello, como a fraga de San Estevo do Ermo, un paraxe moi fermoso que eu recomendaría a todos. ¿Por que estou en política? Desde a miña infancia, involucreime ao máximo con todo o relacionado directa ou indirectamente co meu pobo natal. Sempre me gustou ser defensor das causas xustas e poder axudar así ás persoas que realmente o necesitan. Aválame a miña experiencia como simpatizante do partido socialista ao logo de vinte anos, os cales traballei apoiando sempre aqueles proxectos de interese xeral. Cando o PSdeG-PSOE me expuxo cal era o seu proxecto para o concello, co cal mellorará sen dúbida a calidade de vida de todos os veciños de Barreiros, souben que eu tiña que formar parte del para poder levalo a cabo xuntos. Barreiros necesita un cambio, e estou seguro de que os socialistas formaremos parte del a partir do 27 de maio. Eu, persoalmente, e conxuntamente con este equipo que formamos a candidatura encabezada por Longarela, intentaremos co noso esforzo e a nosa dedicación mellorar en todo posible Barreiros, e facer un concello atractivo para vivir e visitar. O noso proxecto é que Barreiros creza dunha forma ordenada e sostible.