Patrocinado porPatrocinado por

Eu consumo, ti consumes, o planeta se consume

rebeca carreiro SUSTINEA

AGRICULTURA

Miguel Villar

Sustinea propón unha serie de alternativas para festexar este Nadal dunha forma sustentable

09 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa están aí os centos de anuncios, ofertas e promocións, e campañas publicitarias que nos fan crear determinadas necesidades baixo a premisa de que o material dá a felicidade. É así como a compra compulsiva irrompe no Nadal e favorece a adquisición de produtos ou obxectos que, en moitos casos, apenas uns meses despois acabarán no fondo do noso armario ou no cubo do lixo. É así coma no Nadal, o desexo de mercar desencadéase porque unha parte das festas está enfocada desde o punto de vista do consumo, o que nos leva a realizar compras innecesarias que doutra forma non se farían.

O problema é que os gastos non acaban no Nadal. Tras un mes de gastos considerables chegan as rebaixas, que se tentan aproveitar para compensar os gastos do Nadal. As compras nesta época si que supoñen un comportamento totalmente enfermizo-compulsivo que ten que ver coas compras innecesarias, porque pensamos que imos aforrar. Adquírese baixo a trampa de pensar que vai resultar moi bonito e barato.

Pero este consumismo sen sentido do Nadal e nas rebaixas, promove un modelo insustentable ambiental e socialmente. Ambientalmente porque se este modelo de consumo dos países do norte se estendese por todo o mundo farían falla tres planetas para atender dita demanda. No Nadal xérase un gasto enerxético superior ao do resto do ano, prodúcese un maior consumo de produtos e increméntanse substancialmente os residuos. Socialmente, porque detrás de moitos dos produtos que compramos e levamos ás nosas casas, están ocultas persoas que pagan un alto prezo para que os gocemos. Pero tamén somos vítimas consumindo o noso tempo libre nas tendas e centros comercias, consumimos a nosa saúde e paciencia en longas colas, consumimos os nosos desexos poñéndolles prezo.

Por iso dende Sustinea queremos propor unha serie de alternativas para festexar estas festas dun modo máis sustentable, sen esquecer que a mensaxe principal que o noso colectivo quere poñer de manifesto é que é imprescindible unha redución no consumo se queremos poñer freo á deterioración ambiental e social. A alimentación debe ser máis consciente, ecolóxica e saudable. Debemos saber que cada ano increméntase o número de persoas desnutridas en catro millóns (segundo a FAO), mentres que nós nestas datas tiramos ata un 40 % dos alimentos producidos, debido a descartes por esixencias estéticas do mercado, sobras de comida no Nadal, etcétera. Así que vos damos uns consellos a seguir nestas festas. Aposta por unha alimentación máis ecolóxica e saudable. Planifica a compra e calcula ben a comida que vas precisar, se tes algunha sobra conxélaa e aprovéitaa para outra ocasión. Prepara a comida que se vaia a consumir, non fagas de máis. Recupera a cociña tradicional e coida a alimentación evitando a comida lixo ou precociñada, que implica máis envasado e consumo de enerxía. Consume produtos que se produciron o máis localmente posible. O primeiro que hai que facer antes de mercar algo é reflexionar sobre se realmente o precisamos. É importante ter en conta que sempre vai ser máis sustentable mercar algo que fose producido o máis localmente posible. Reflexionemos: Necesítoo? No seu proceso de produción foi prexudicado o medio ambiente a ou a algún ser humano? Cantos destes teño xa? Canto o vou usar? Canto me van durar? Podería pedilo prestado? Está feito de materiais reciclables? Fabricouse e foi transportado desde países afastados?

 

Sustinea propón varias fórmulas: unha subscrición, unha viaxe, un paseo ou entradas para algún espectáculo. Compartir habilidades, como a elaboración dos teus propios agasallos ou receitas de cociña, é outra posibilidade. O bombardeo publicitario que comeza máis dun mes antes de que chegue o Nadal non esquece aos máis pequenos da casa e crea para eles unha chea de anuncios de xoguetes. Segundo a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) nestas datas mércase o 75 % dos xoguetes que se venden cada ano.

Alternativas

Moitos pais e nais, sometidos á presión dos seus fillos e fillas, acaban por convencerse de que para demostrar o moito que lles queren téñenlles que mercar máis agasallos, e rematan someténdose á ditadura da publicidade esquecendo alternativas de consumo máis xustas social e ambientalmente. Aquí che mostramos algunhas delas: busca xoguetes de artesanía local, asegurar que son xoguetes non sexistas nin bélicos, aqueles que estimulen a creatividade, fagan pensar, sexan instrutivos e pedagóxicos. Non merques xoguetes que usen pilas e mira que sexan de materiais naturais e biodegradables. Ademais, o máis importante é que é posible xogar sen xoguetes

Ás veces pensamos que os únicos lugares onde se pode mercar son as grandes superficies, con todo este modelo é moi custoso ambiental e socialmente (para profundar). Por iso propoñemos unha serie de alternativas: agasalla se podes algo que non sexa material (viaxes, paseos, ceas, masaxes, etcétera), intenta sempre facelo ti mesmo, merca en tendas do teu barrio e nos mercados tradicionais e produtos de agricultura ecolóxica que, ademais de ser máis sans, son ambientalmente sustentables, xa que na súa produción non se utilizan pesticidas nin fertilizantes artificiais.

Comercio xusto

E merca en tendas de comercio xusto. Nelas pódense obter produtos con garantías de que foron producidos de maneira ecolóxica e que se pagou un soldo digno aos produtores. Formar parte de cooperativas de consumidores. Nelas os consumidores póñense en contacto directo cos produtores, eliminando deste xeito ós intermediarios. Participar en cooperativas ou mercadiños de troco.

Neste contexto Sustinea quere facer un chamamento para recuperar a creatividade á hora de celebrar estas festas. Un dos obxectivos é que nos axude, en definitiva, a non pasar todos as semanas antes das festas do Nadal perseguindo, tenda por tenda, os inalcanzables soños que propoñen os anuncios que nos chegan a casa ou que se mostran nos medios de comunicación de forma incontrolada. Senón que nos mostre un camiño máis certeiro e diferente de acadar todos os nosos desexos e que teña como punto de partida unha forma de celebración máis xusta social e ambientalmente. Por iso, ademais de presentar alternativas para mercar eses regalos, propoñémosvos unha serie de obradoiros e actividades ideais para estas datas e nas que poden participar todos os ourensáns. Incluso os mais pequenos da casa.

Creatividade

O primeiro deles será 10 de decembro. Trátase dun Mercado do Troco que terá lugar la céntrica Rúa do Paseo, diante do Banco de España, de 10.30 a 14.30 horas. Seguro que alí atopas más dun obxecto que te sorprenderá e será ideal para facer algún dos agasallos que tiñas pensados.

O día 16 de decembro celebrarase a actividade titulada Fabrico os meus xoguetes, de 16.30 a 18.30 horas. Unha maneira de acertar seguro.

O 21 de decembro a cita é con Cociña especial Nadal consciente e saudable, de 16.30 a 19.00 horas, para preparase para os copiosas comidas e, por último, o 7 de xaneiro, xa coa resaca das festas, celebrarase unha xincana na natureza, de 10.00 a 14.00 horas.

É posible regalar subscricións, viaxes, paseos ou entradas para espectáculos

Nestas datas nos fogares tírase ao lixo ata un 40 % dos alimentos producidos