Patrocinado porPatrocinado por

Movemento agrario en Seráns no 1925

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

AGRICULTURA

O Sindicato Agrario Católico Obrero de San Benito estaba aberto a todos os sonenses

30 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A comezos do século XX, os movementos proletarios e agrarios comezaban a ter personalidade e procuraban a xustiza, a liberación dos caciques e a redución dos foros. Neste tempo, o pulo das sociedades agrarias converteu as revoltas populares en estratexias antiforais e anticaciquís. As comunidades agrarias afanáronse desde os seus comezos nos mitins, a prensa, as asembleas agrarias e mesmo na loita electoral para acadar a redención dos foros e a reforma do réxime caciquil da Restauración.

Daquela escaseaban as radios e a televisión non existía polo que os veciños estaban informados, ás veces intencionadamente, a través dos bandos municipais, os púlpitos das igrexas e as asembleas. Por outro lado, o agrarismo comezaba unha corrente ideolóxica tachada de revolucionaria, e que tanto preocupaba as autoridades dirixentes. Aquel movemento social comezaba a ter representación no concello de Porto do Son a través de sociedades agrarias, sindicatos agrícolas e asociacións obreiras.

Esta loita social que se estaba a estender por Galicia prendeu entre os labregos e mariñeiros deste concello. Así, en Nebra constituíase a Liga Agraria de Nebra que tiña como presidente a José Vilas Núñez, e La Protección Obrera, en Porto do Son, presidida por José Ferrín. Esta constituíuse nesta vila o 4 de outubro de 1901.

Luctuosos sucesos

As revoltas apoiadas e a conflitividade xerada por unha sociedade endebedada foron o motivo polo que Galicia se viu sacudida por lutuosos sucesos como os de Oseira (1909), Nebra (1916), Sofán (1919) e Sobredo (1922), que forman xa parte da historia deste país.

Pouco tempo despois, créase a sociedade denominada Sindicato Agrario Católico Obrero de San Benito de Seráns que, como indicaba no seu artigo primeiro, podía ser integrada por todos os veciños do concello de Porto do Son que gozasen de boa fama e polos obreiros que, circunstancial ou periodicamente, traballasen nas aldeas deste municipio. Foi creada o 25 de novembro de 1925 por un bo número de socios, e da que foi o seu primeiro presidente Segundo Romay; Manuel Santos sería o vicepresidente; Juan García, o secretario; Benigno Queiruga, o vicesecretario; José Queiruga, o contador; Ricardo Santos, o tesoureiro, e Marcelino Queiruga, José González, Manuel Santos e Ramón García, os seus vogais.

O seu regulamento foi presentado no Goberno Civil o 11 de febreiro do ano seguinte, quedando anotado no rexistro especial correspondente. Ese mesmo mes foi aprobado polo arcebispado de Santiago, elixindo a San Bieito como o seu patrón e designando para o cargo de consiliario o crego da parroquia de San Pedro de Muro. Tiña o seu dominio social na casa número 12 da rúa de Armental, propiedade de Benigno Queiruga Bóo.

O obxectivo desta asociación era a defensa dos intereses comúns, dignificar social e moralmente os veciños, mellorando as condicións hixiénicas e económicas do traballo, así como a súa regulamentación; xestionar e procurar, ata onde fose posible, o abaratamento dos artigos de primeira necesidade, e fomentar un maior interese pola cultura dos asociados. Constituíuse como personalidade xurídica establecendo fins piadosos, benéficos, instrutivos, económicos e sociais.

A asociación tiña como obxectivos dignificar social e moralmente os veciños