O galego segue a precisar o consenso do plan de normalización do 2004

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O texto aprobado polo Parlamento na etapa de Fraga aínda é un referente

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Plan xeral de normalización lingüística aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro do 2004. Foi un texto respaldado por populares, socialistas e nacionalistas nos anos da derradeira maioría absoluta de Manuel Fraga. Máis de catrocentas medidas elaboradas por un cento de profesionais que recolle o testemuña da Lei de normalización do 83. Máis de dez anos despois, o consenso nunca volveu á lingua a nivel político.

A Real Academia Galega fixo pública esta semana unha declaración institucional elaborada despois de coñecer a finais do 2014 os últimos datos sobre o coñecemento e uso do galego na comunidade, que amosan dúas tendencias moi preocupantes. A primeira, que a lingua coñécese pero non se usa; e a segunda, que os mozos son os que menos empregan o galego, o que sitúa un futuro incerto para a lingua propia do país. No seu decálogo, a institución que preside Xesús Alonso Montero lembra de novo este plan. E anima ao Goberno galego a asumilo, «poñendo en marcha as medidas previstas nel». Volve a RAG a poñer o dedo na ferida do decreto do plurilingüismo no ensino, que a institución recorreu legalmente e que finalmente o Supremo admitiu a trámite nun recurso de casación. «Hoxe, con máis razón, reclamamos a súa derrogación», din, xa que infancia e mocidade constitúen sectores prioritarios para o futuro do galego.

 

 

O papel do ensino

 

É precisamente aquí onde máis diverxen as posturas de actual Goberno galego e a oposición ou organismos como a Academia. Porque mentres os segundos consideran que a etapa educativa é fundamental ao ser imposible escapar á castelanización de moitos sectores como son o ocio ou os medios audiovisuais; o primeiro insiste no papel da familia e doutros ámbitos da sociedade á hora de impulsar o galego.

 

 

¿Cumprimento do acordo?

 

En calquera caso, o Goberno galego considera que no tocante á aplicación do Plan xeral de normalización, o Executivo está a aplicar unha política lingüística destinada a darlle debido cumprimento, e que o ten sempre como referencia. Este plan recolle no ámbito do ensino medidas como que un mínimo do 50 % da docencia se imparta en galego en primaria e secundaria, e que en infantil os nenos de áreas castelán falantes teñan polo menos un terzo do seu horario en galego. É evidente que o equilibrio do actual decreto do plurilingüismo non pode garantir ese 50 % ao introducir unha terceira lingua.

Si fixaba esa porcentaxe o decreto da lingua no ensino do bipartito, que non contou co apoio do PP, e rachou co consenso que ata ese momento había en torno ao galego. Un rexeitamento, o do Partido Popular, que no plan do 2004 fora apoio respecto á mesma medida. Así que o partido conservador pode ter máis éxito na volta a ese acordo se muda cara unha política máis protectora da lingua na escola, porque está libre de calquera tinte de imposición que fai recear a unha parte da poboación.

A lingua non ten un problema de coñecemento entre os novos, senón de uso