Nos próximos meses, cando miremos cara ao ceo, non só repararemos na beleza das estrelas e planetas. Lembraremos que alí se atopa unha parte de nós que demostra que, con empeño e rigorosidade, Galicia é quen de facer cousas para competir no mundo. Con menos dun quilogramo de peso, XaTcobeo iniciou onte a súa peregrinación arredor da Terra. É o noso fillo espacial, o resultado do esforzo conxunto da Universidade, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e a Axencia Espacial Europea e unha boa mostra de traballo colaborativo, de harmonización de docencia e investigación. O XaTcobeo foi quen de gañar a confianza dos máis esixentes avaliadores, o que nos permite crear un agrupamento estratéxico de enxeñaría aeroespacial que se confirma como unha das cinco liñas preferentes da nosa institución. Só o alumnado e o profesorado que o materializou sabe das xornadas interminables de traballo que implica poñer en pé o primeiro CubeSat 1U dunha universidade europea con estándares da ESA. Só eles saben a tensión que implica as decenas de probas ás que foi sometido para ocupar un lugar de privilexio na lanzadeira Vega. Só eles saben as renuncias persoais e profesionais que leva aparelladas un proxecto pioneiro nunha universidade nova como a nosa. Por iso quero agradecerlles a súa implicación e esforzo que, non me cabe dúbida, terá a súa recompensa. A Universidade de Vigo síntese orgullosa deles. Non é doado conter a emoción cando tres anos de traballo se concentran nunha hora. Estamos no espazo. É o comezo dunha aventura que desexamos que nunca máis nos deixe indiferentes cando miremos cara ao ceo.