Os ollos de Díaz Pardo

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

E scribo esta nota de urxencia dúas horas despois do pasamento de Isaac, sobre o que teño publicado nos últimos trinta anos máis dun centenar de páxinas: sobre o artista plástico, o editor, o escritor, o emigrante, o filántropo e tamén sobre o cidadán «comprometido coas causas xustas», dito coas súas propias palabras. Estou convencido de que neste momento algúns dos centos de admiradores de Isaac estarán redactando notas de urxencia sobre algunhas das dimensións de personalidade tan multifacética, en certo modo, un intelectual do Renacemento no bretemoso século XX de Galicia. Como Luís Seoane, o seu amigo e, dalgún xeito, mentor.

Nesta hora estou vendo os ollos de Isaac, os ollos que tiña aquel home curioso e inquedo hai cincuenta anos, cando tiven a sorte de comezar a merecer ser amigo del e camarada en non poucas actividades e inquedanzas. Son os ollos vivos, esculcadores e sabios que aínda tiña pouco antes de que o seu espírito de home de ben fose asaltado por unha das formas máis noxentas da filosofía mercantilista destes tempos. Son os ollos que resplandecían naquel rapaz compostelán de dezaseis anos que militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas: eran os ollos dun rapaz que aprendera nun verso de Eugène Pottier que o mundo tiña que cambiar de base. Pasaron as décadas e Isaac seguiu ollando, cada vez con máis intelixencia, mentres na cerna do seu espírito había sempre un pouso da filosofía de Pottier, por máis ca el, que era moi retranqueiro, se definise como «conservador libertario».

Os ollos de Isaac están nas figuras dos seus óleos, dos seus debuxos e das súas ilustracións: nos homes, nos nenos e, sobre todo, nas mulleres. Ollos moi abertos, activos sempre, esculcadores e dispostos a leren o texto da realidade e da sociedade en beneficio alleo. Galicia, despois de noventa e un anos, acaba de perder esta singular ollada.

Se Bertolt Brecht vivise e soubese algo da Galicia dos últimos oitenta anos, diría de Isaac Díaz Pardo que pertencía á caste dos imprescindibles.

41DR-12ahome