• María Mariño, a «poeta-pobo»

    Cúmprense hoxe cincuenta anos do pasamento da escritora de Noia afincada en Parada do Courel; Branca Novoneyra, filla do seu gran valedor, analiza a transcendencia da súa obra

    Branca Novoneyra

    En 1957 María Mariño amósalle uns poemas en castelán ao seu veciño Uxío Novoneyra. Meses despois ela comeza a escribir en galego. Novoneyra, asombrado pola potencia do seu idioma, percibe «algo novo» e aléntaa a continuar. Así comeza o proceso de escrita de Palabra no tempo, poesía que nace dos cantos populares para plasmar coa liberdade da fala unhas imaxes fracturadas. Neste intre comeza a creación da singular obra de Mariño e a construción dunha poética radical sobre ela: Mariño era para Novoneyra un poeta-pobo, representaba a potencia e a fondura da expresión popular que agroma na lingua sen interferencias culturalistas ou modas literarias. Mariño dinamitou a sintaxe sen atravesar as vangardas, empregou o substrato da lingua para escribir lonxe das normas en total liberdade.

    Durante distintos períodos dende finais dos anos 50, María escribía a man os seus poemas e leváballos a Novoneyra. O poeta transcribíalle a máquina a primeira versión; e logo ela corrixía sobre o mecanoscrito e facía os axustes necesarios ata, en sucesivas versións melloradas, lograr o poema final. Esta metodoloxía translúcese nas copias dos orixinais mecanoscritos da autora que garda o Arquivo Novoneyra.

    Mariño seguiu esta metodoloxía nos poemarios en lingua galega: Palabra no tempo, escrito entre 1957 e 1963, e Verba que comenza, entre 1966 e 1967, ano do seu pasamento. A publicación de Palabra no tempo co prólogo de Ramón Otero Pedrayo na editora luguesa Celta tivo eco na prensa da época. Sobre a primeira entrega da «noiesa do Courel» escribiron Ánxel Fole, Méndez Ferrín, Luis Trabazo e Francisco Umbral; ademais, Novoneyra deu a coñecer os poemas de Mariño en recitais, descubriulla ás súas amizades literarias e incluíuna dentro da súa obra con referencias en poemas e dedicatorias dos libros Eidos 2 e Do Courel a Compostela.

    Dende a morte de Mariño, e máis concentradamente nos anos 80, Novoneyra traballou no coidado do libro inédito Verba que comenza e na serie Relatos-Cantos Finais que a autora escribiu o ano antes de morrer. O texto poético quedara ao seu coidado e, despois dun intento con Edicións Xerais, publicouse en 1990 nunha edición institucional do Concello de Noia apoiada polo poeta Antón Avilés de Taramancos. A serie Relatos-Cantos Finais aparece ese mesmo ano na Trabe de Ouro a petición de Ferrín.

    A poesía de Mariño caracterízase pola abundancia e a fluencia da palabra popular, pola lembranza da nenez e a xuventude tecidas co mar e a experiencia madura e grave coa serra tinguida co presentimento continuo da morte. Xerais publicou a Obra completa de Mariño en 1994 nunha edición ao coidado de Victoria Sanjurjo.

    Memorias inacabadas

    Mariño escribiu en castelán un poemario, Más allá del tiempo, e unhas memorias inacabadas e inéditas. O texto poético publicouse postumamente coincidindo co centenario do seu nacemento na colección Rescate de Alvarellos, no 2007, ano no que coincide ademais a celebración das Letras Galegas dedicadas pola Real Academia Galega á autora noiesa.

    A festa das Letras dedicadas a Mariño abriu un debate necesario no sistema literario galego sobre a figura da autora autodidacta, da autora inculta e sobre o controvertido e silenciado tema da autoría compartida.

    Novoneyra reivindicou sempre a autonomía da voz poética de Mariño, da que foi descubridor e coidador entusiasta. Sen o traballo do poeta durante unha década en vida da autora e despois da súa morte, a obra de María Mariño non permanecería. Novoneyra difundiuna incansablemente ata o seu pasamento en 1999: leu os seus poemas en recitais, apoiou a organización dunha gran homenaxe popular en Noia, falou dela en pregóns, entrevistas e artigos, e coidou, como se fose propia, a súa obra; teimando da súa teoría poética e política: María Mariño era a primeira poeta mística de Galicia, aparecera por fin a poeta-pobo que Galicia e a lingua precisaban.

    Parada do Courel: exposición e homenaxe

    A Fundación Novoneyra conmemora hoxe (e ata o domingo) os 50 anos da morte de María Mariño, organizando arredor da casa-escola de Parada (na que ela e Posse viviron) e na súa propia sede unha exposición documental sobre a figura e a obra da poeta noiesa. Ás seis da tarde, na campa da igrexa de Seoane, celebrarán unha ofrenda floral e unha lectura de poemas.

    Ver Comentarios