Reflexión colectiva

Xesús Mato

LUGO CIUDAD

18 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois da euforia, tamén colectiva, vivida a pasada semana neste País dos paradoxos e contrastes. Reflexión que ten de levarnos a unha profunda revisión, e mesmo reciclaxe, da nosa vida. Sería posible tal euforia e interese á hora de unírmonos para deter a crise!?

Vén de ser admitido pola maioría que a fazaña da vermella débese a un traballo ben feito, en equipo, con disciplina e a colaboración de todos. A unidade e o esforzo trouxo este resultado. Podemos aprender do acontecemento o xeito de sacarlle proveito á vida cotiá.

Segundo estatísticas foi unha catarse xeral e mesmo unha terapia para moitos. Un tanto por cen moi elevado disque foi mais feliz esa semana. Por qué non intentar facer o mesmo con outras metas que nos quedan aínda por conquistar!? Agora tócanos gañarlle a partida á fame, á explotación, á violencia, á miseria, á degradación da Terra.

Somos parte dos 6.000 millóns de persoas (atletas) que poboamos este mundo. Somos xogadores no equipo da humanidade á procura de dignidade para todos. Xogámonos moito. Vivir todos. En irmandade! Hai que gañar esta copa e celebrala. Con entusiasmo. (Palabra que vén de Theos-Deus- e quer dicir «euforia por estarmos cheos de Deus».

Salvadas as distancias, estes días, vaise mostrar, en vilas e cidades de Galiza, a Cruz da Xuventude (Signo Salvador da Humanidade) anunciando a Xornada Mundial do 2011. Hoxe está en Lugo, despois de pasar polo Cebreiro, Samos e Monforte. Segue a Lalín, Chantada e Melide. Nova oportunidade para que non só os xoves senón tamén todos os cristiáns galegos mostremos a fidelidade a Cristo, Único Mestre, Señor e Salvador.