Imagen:

«Pinto os cadros que me gustaría ver na miña casa»

O artista lucense, que se define como un pintor comercial, expón desde hoxe no Círculo, onde en 1975 o fixo por primeira vez


19/10/2016 13:32

Corenta e un anos despois, Miguel Ángel Macía (Lugo, 1955) regresa aos seus inicios, o Círculo das Artes, onde en 1975 expoñía a súa primeira mostra individual. Catro décadas despois regresa desde hoxe (inauguración ás oito do serán) coa exposición «In crescendo».

-Pecho unha etapa cunha especie de antolóxica de 25 cadros de grande formato e inéditos, xa que ao ser dese tamaño nunca atopei unha sala para expoñelos. Ofrezo un cadro no que detrás hai unha serie ou temática, desde o primeiro, que fixen en 1983 cando estudaba en Valencia, ata os últimos, unha serie de paisaxes urbanas de Lugo de noite.

-¿Por que de noite?

-Ás veces non sabes porque fas as cousas. Interésanme as luces da noite, eses reflexos. Trato de ser moi libre, ao meu ritmo. Recoñezo que son un artista comercial, porque aplico na pintura a idea de que fago o que me gustaría ver nas paredes da miña casa. Por iso gústame o expresionismo fronte a abstracción, un tipo de pintura que non me enche, nin para facela nin para vela.

-¿Iso que comenta é moi valente, poucos artistas recoñecen ser comerciais?

-Tiven a sorte de ser profesor de Secundaria e así pintei o que me gustaba e tiven como satisfacción de que a moita xente lle gusta. Incluso hai cadros meus nas paredes das súas casas. Unha vez unha rapaza díxome que compartira a vida coa súa familia cos meus cadros na casa. Iso deixa a un satisfeito.

-¿Impresionista ou expresionista?

-O que fago non é impresionismo porque ese movemento buscaba a luz. Prefiro o expresionismo porque permíteme unha pincelada máis visceral, máis intuitiva.

-¿E cando ve o cadro de 1983 e agora os de 2016, que Macía se atopa?

-Pois unha evolución clara, como sinalo o título da mostra (que estará aberta ata o día 31). En calquera arte, ademais de vocación, é fundamental dedicación e formación continua. No cadro de 1983 pódese dicir que era académico, porque aínda que era de estilo libre, estaba resolto coas técnicas clásicas. Logo, cos anos, xa vas evolucionando e perfeccionando o teu estilo.

-¿Que lle parece a situación da arte galega e lucense

-Moita xente nova viuse influenciada polas vangardas e unha corrente decidiu seguir a liña que marcou o Dadaísmo, un camiño equivocado. De aí xurdiron as instalacións, pero iso non é nada, é todo un camelo no que está detrás o capital. E logo, vivimos nas sociedades das presas. Un músico tense que formar durante 12 anos. Nas artes plásticas, non fai falla. Só necesitas un comisario e un amigo.

-Hai xente nova en Lugo boa.

-Si, pero tamén desanimados. E é que é moi difícil destacar porque noutras provincias hai outros rapaces que están facendo o mesmo. E logo, eu cando pido unha sala, teño inconvenientes, ¿que lle pasará a un rapaz novo?

Votación
1 votos
Etiquetas
Arte Valencia
Comentarios