O IES Ánxel Fole aposta pola educación na igualdade

Presentan a axenda escolar, no que se recollen os nomes de mulleres que aparecen no rueiro de Lugo e que foron recollidos polos alumnos do centro


19/10/2016 13:27

O vicepresidente e deputado de Igualdade, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entregaron este mércores 500 axendas pola igualdade elaboradas e editadas polos estudantes do I.E.S Anxel Fole coa colaboración de Deputación e Concello. Nela recóllese unha pequena biografía das mulleres que compoñen o rueiro da cidade  para dar a coñecer este perfís entre os máis novos.

No acto, no que estiveron acompañados por ducias de estudantes, tamén participaron a directora do I.E.S, Beatriz Fernández Fernández, os coordinadores e editores da axenda, Felisa Redondo Valín e Miguel Ángel Martínez Quintanar; así como a profesora da USC e escritora, Carmen Blanco García, que nesta edición é a protagonista da entrevista principal desta publicación.

Santos subliñou que «a través desta axenda, fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade a este problema». O vicepresidente recalcou que «grazas ao compromiso dos mozos e mozas do Anxel Fole, dáse a coñecer a vida e obra de ducias de mulleres que participaron ou participan activamente no devir da historia non só da provincia, senón de todo o país».

Lara Méndez ensalzou o traballo realizado polos alumnos  que deseñaron esta Axenda pola Igualdade, ao tempo que fixo fincapé an importancia da educación para conseguir a tan necesaria igualdade real e efectiva en todos os ámbitos. Así mesmo, quixo lembrar á vintena de mulleres, ás que máis que merecidamente se lles deu nome nas diferentes rúas de Lugo e ás que se lles rende homenaxe nesta axenda, polo traballo que realizaron para conseguir avances sociais en materia de igualdade.

Nesta liña, a rexedora reivindicou que «tanto as administracións como a cidadanía temos a obriga de seguir loitando para conseguir o que tantas mulleres e homes ansiamos, unha igualdade de pleno dereito. Porque a igualdade, que é un valor esencial dunha sociedade democrática, é cousa de todos e todas».

Carmen Blanco, protagonista da Axenda 2016

Neste curso, os estudantes do Anxel Fole escolleron a Carmen Blanco para achegarlle á xente a visión feminista que se desprende da súa vida e obra. Blanco é autora de grandes ensaios sobre a liberdade das mulleres e dos homes fronte a todos os poderes que non o permiten. Deste xeito, sobresaen títulos como «Atracción total», «Un mundo de mulleres» ou «Lobo Amor». Blanco reivindica o papel da muller, pero tamén dos homes, en todos os avances logrados nos de dereitos e liberdades das persoas.

Reivindicando o papel da muller

Grazas a esta iniciativa, centos de mozos e mozas poderán coñecer de preto a importancia da figura da muller no transcorrer da historia do país. Entre as mulleres que se recoñecen nesta publicación destacan Sofía Casanova, escritora e a primeira xornalista de guerra; Paz Parada Pumar, a primeira muller médico inscrita no colexio de médicos; Olimpia Valencia, a primeira muller en licenciarse en medicina en Galicia; María Castaña, que encabezou unha das revoltas contra os altos impostos que o bispo de Lugo cobraba ao pobo; Concepción Arenal, unha das escritoras e feministas máis importantes do S.XX; Enriqueta Otero, mestra antifranquista condenada a case 20 anos de cárcere; ou Concepción Saiz Otero, sempre comprometida pola integración da muller na sociedade en condicións de igualdade co home; entre outras.

 

 

Votación
22 votos
Etiquetas
Lara Méndez Álvaro Santos Ángel Martínez USC Santiago ciudad
Comentarios