A Xunta destina 90.000 euros á Academia do Audiovisual

camilo franco SANTIAGO

LUGO

Na partida está incluída a celebración dos Mestre Mateo

01 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Xosé Manuel Olveira, reuniuse co titular da Consellería de Cultura, Roberto Varela Fariña, máis o director da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, para confirmar o apoio da Xunta ás actividades que desenvolve este colectivo profesional.

Na reunión acordouse que a Xunta, desde catro institucións diferentes, achegaría durante o 2011 un total de 90.000 euros para o funcionamento da Academia, actividades nas que está incluída a celebración da gala dos Mestre Mateo, que este ano terá lugar en Ourense.

Os 90.000 euros serán dos presupostos da propia Consellería de Cultura, da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Consorcio Audiovisual de Galicia e máis da Fundación da Cidade da Cultura. Segundo a Consellería de Cultura, este apoio permitirá no só manter a celebración dos Mestre Mateo na mesma liña que durante os últimos anos, senón tamén que a Academia poida acometer o resto das actividades que vén desenvolvendo, que abranguen dende as xornadas de divulgación do audiovisual ata a publicación dos Papeis da Academia.

Segundo o presidente da Academia, o apoio da Xunta permitirá afrontar a gala con garantías, aínda entendendo que a achega da Administración autonómica é 20.000 euros menor que no exercicio anterior, cando o total das axudas dos distintos organismos da Xunta alcanzou os 110.000 euros. Segundo Olveira, o recorte afectará en menor medida aos Mestre Mateo e seguirá a liña do pasado ano, cando xa se reducira o custe da gala.