O equipo Carboeira actualizará e reeditará os libros dedicados aos cruceiros chairegos

Cristina López LUGO/LA VOZ.

LUGO CIUDAD

24 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Inventariar e catalogar os cruceiros, cruces, cristos e esmoleiros da comarca da Terra Chá. Esta é a finalidade do traballo que dende o ano 1993 vén desenvolvendo o equipo Carboeira, do que forman parte os investigadores lucenses Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez.

Froito dese traballo foron vendo a luz diversas publicacións sobre esas mostras de arte popular correspondentes aos concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei, Guitiriz, Begonte, Cospeito, Rábade, A Pastoriza, Xermade, Abadín e Muras. O vindeiro ano está previsto que se publique o libro sobre os cruceiros de Vilalba, para o que xa está rematado o traballo de campo.

Corrixidas e aumentadas

Á marxe disto, os membros do citado equipo de investigación van revisar e reeditar os libros sobre os cruceiros chairegos que xa foron publicados. Esas obras volverán ver a luz en novas edicións corrixidas e aumentadas, nas que se terá en conta as pezas e elementos que desapareceron e as que se construíron recentemente.

Noutra liña de divulgación desa arte popular, os integrantes do equipo Carboeira están facendo xestións para intentar que a terceira edición do Congreso galego de cruceiros e cruces de pedra se celebre en Lugo. As dúas edicións anteriores, que tiveron lugar en Poio e en Ponteareas, xa contaron coas intervencións dos tres investigadores lugueses citados.

No segundo congreso, celebrado hai un mes, Mario Saavedra falou dos cristos da Pastoriza; o relatorio de José Manuel Blanco estivo centrado nos esmoleiros da Terra Chá e as súas vinculacións con algúns santuarios; e por último, Fernando Arribas dedicou a súa disertación aos motivos ornamentais e iconográficos das bases dos cruceiros chairegos.