A Deputación tramitou xa todas as obras do canon do 2008-2009 e o trinta por cento das deste ano

C. López LUGO/LA VOZ.

LUGO

18 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O organismo provincial xa tramitou ou executou o cento por cen dos proxectos de obras do canon correspondentes ás anualidades 2008-2009. Polo que se refire ao reparto do canon do 2010, aprobouse no mes de maio e actualmente preto do 30% das obras están tramitadas. Son unha trintenta de actuacións pertencentes aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Pantón, Carballedo e Guntín.

Precisamente, na sesión de onte da Xunta de Goberno da Deputación aprobouse a mellora de accesos, abastecemento de auga e saneamento en varios núcleos do municipio de Quiroga por importe de 169.142 euros. Segundo indicou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato, «deste xeito, a Deputación cumpre con este Concello, pechando unha débeda histórica que se cifraba en 508.826 euros e que fixo efectiva en tres anos».

Gato tamén aludiu ao aforro que se conseguiu polo feito de que os proxectos de obra pública xa non se encargan a unha empresa externa, senón que os realizan os técnicos provinciais, sen que isto supoña un gasto para as arcas da Deputación. Segundo dixo «a Deputación aforrou 500.000 euros en gasto corrente na redacción dos 91 proxectos de obra que ten en marcha nestes momentos nos 16 concellos da provincia afectados polo canon».

Por outra banda, a Deputación cortará o luns a estrada provincial 0702 que vai de San Román a Degrada, en Cervantes, para comezar a botar aglomerado en quente nun treito de 9,4 quilómetros, dende o 5,100 ao 14,500. Antonio Gato aludiu ás notables melloras que se acadarán con estes traballos, xa que se pasará dun ancho inicial de 4,30 metros a 5,15, sinalizarase a estrada vertical e horizontalmente, e instalaranse ollos de gato e biondas. Ademais, están xa en marcha os trámites para acometer a mellora do resto da estrada. O investimento da Deputación na 0702 é de 908.887 euros. Durante a semana que estará pechada ao tráfico habilitaranse desvíos alternativos.