A importancia das rogas no rural, recuperadas polos nenos

LUGO

O colectivo Estiño adica o seu derradeiro calendario as agrupacións de persoas para para realizar traballos colectivos

09 dic 2008 . Actualizado a las 10:43 h.

Se vostede non coñece o significado de roga, unha verba de uso en algunhas zonas de Galicia, pero descoñecida noutras e quere poñerse o día, o calendario do colectivo Estiño axudaralle a saber do que estamos a falar. As rogas eran xuntanzas de persoas para facer un traballo en conxunto. Había rogas para a sega, para a malla, a matanza, para amañar os camiños, para ensilar, para esfollar o millo e para case todas as labores. Os veciños axudábanse entre si e o pago polos traballos era con traballo. Pero non todo era arrimar o ombreiro. O remate das tarefas xuntábanse de troula para cantar, bailar e para mocear.

Os cativos de 14 centros educativos da provincia son quen aportan os debuxos para a edición número trinta do calendario. Participaron nesta derradeira edición alumnos das escolas rurais Eloísa Ribadulla e Xoán de Requeixo, de Chantada; de Bretoña, Cervantes, Paradela, Poboa do Brollón, Chao do Pousadoiro, IES de Meira, colexios de Mosteiro e de Lousada, IES Leiras Pulpeiro e da Ponte, todos IES de Lugo, ademais dos de Allariz, en Ourense e de Viana, na mesma provincia.

Proxecto solidario

O calendario, que se vende na Cova da Terra, nas librerías Trama e Souto, na CIG e nos propios centros participantes, edito desde fai 30 anos o colectivo pedagóxico Estiño. Costa 1,5 euros. Cos cartos recadados, ademais de costear os 3.000 exemplares que pretenden distribuír, tamén pagarán o próximo número da revista Miuzallas. Nesta publicación, que é monográfica, inclúen os textos dos alumnos que participaron na elaboración do calendario, xa que non só se trata de presentar os debuxos, senón que supón un traballo de investigación. A revista sairá na vindeira primavera.

Os rapaces que participan no proxecto teñen como fonte principal para as súas indagacións as persoas maiores, que son as que se acordan de como funcionaban as rogas cando eran novas. Cada centro traballa sobre o tema e entre todos os debuxos selecciónanse os que aparecen no calendario e os textos que se incorporan a revista.

Unha parte das vendas nos centros pequenos adicaranas a actividades complementarias. O resto da recadación destinarano a financiar proxectos educativos en Nicaragua, a través da ong Axunica. Esta organización, ademais de colaborar na posta en marcha de centros de preescolar e comedores escolares tamén concede becas para estudantes do medio rural nicaragüense para que cursen estudios en Granada. Nestes intres teñen concedidas axudas a 14 rapaces.

Clientela fixa

O colectivo Estiño non ten dificultades para comercializar o seu calendario. Contan con un amplo número de clientes fixos que non faltan a súa cita.

Os temas aos que recorren ano tras ano son suxerencia dos alumnos que participan no proxecto. O de as rogas levaba en carteira xa un tempo. Os membros do colectivo pedagóxico animáronse a rescatalo debido a que constataron que esta palabra era descoñecida en moitos ametos e desa maneira mataron dous pombos dunha soa tirada. Tamén supón un repaso polas tarefas que se levan a cabo no campo e que necesitan da participación colectiva.

Aínda que os centros que participan no proxecto sofren cambios, algúns dos pais dos cativos que colaboraron nos últimos números tamén o fixeron eles cando acudían a escola.