Homenaxear a Enriqueta Otero co nome do colexio

La Voz

LUGO CIUDAD

«Algo que ten influído moito nalgunhas vocacións miñas é que Castroverde é a cabeza dun señorío medieval relevante. Hoxe en día é algo que se esquece incluso polos propios habitantes. É unha zona cunha vastísima cultura histórica, tanto na Prehistoria como na Idade Media, e cunha tradición grande na arquitectura pacega». Polín refírese tamén ao pasado reivindicativo e lamenta que hoxe a xente de Castroverde estea mergullada na pasividade.

-Tamén foi un dos poucos lugares de resistencia en Lugo na guerra.

-Efectivamente, foi lugar de resistencia e de organización, xa na época republicana e posteriormente na posguerra.

-¿É xente batalladora?

-Neste momento a xente non se caracteriza especialmente por ser batalladora. Dáme mágoa que estes valores, e o paisaxístico, non se esperten máis e que as conciencias estean tan adormecidas. Agora ben, temos exemplos insignes no pasado, como o caso de Enriqueta Otero ou de todos os mártires de Montecubeiro masacrados na posguerra. Aproveito para reclamar que o colexio público de Castroverde, ao que parece que andan a procura dun nome, que se lle dedique a Enriqueta Otero. Foi unha profesional da educación destacada e integrante de moitos movementos de renovación pedagóxica, e tamén pola súa simboloxía como resistente a ditadura de Franco. Está enterrada na parroquia de Miranda e débeselle esa homenaxe.

-¿Por qué tras 79 anos esperta tanto receo que se busque aos mortos enterrados á beira das estradas?

-Dunha banda están aqueles que teñen temor ás lembranzas por motivos que eles saberán, e por outra está unha parte significativa da poboación que ficou moi atemorizada. Por exemplo, a miña propia nai, que ten medo de falar destas cousas porque lembra unha etapa moi traumática da súa vida. Esquecer os feitos penso que non é a mellor maneira de pasar páxina. Chegou o momento de que a nosa mocidade coñeza ben o que ten pasado, que se lle bote osíxeno e que se poida estudar a historia obxectivamente. De feito, na miña parroquia natal hai dous soldados republicanos enterrados baixo unha figueira, agardando un enterro digno.