O queixo do Cebreiro será hoxe o protagonista da feira na que haberá uns 50 expositores

La Voz

PEDRAFITA DO CEBREIRO

21 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ás dez desta mañá abrirá as súas portas ao público a Feira da Denominación de Orixe Protexida Cebreiro, que presenta como principais novidades o adianto na data de celebración, que tradicionalmente viña sendo o sábado santo, e o aumento na cifra de expositores, preto de medio cento nesta edición. Ademais, unha nova nave albergará os queixos das dúas firmas inscritas no Consello Regulador, xunto co resto dos postos de produtos con indicativo de calidade.

As produtoras particulares terán o seu espazo no Centro de Artesanía; mentres que na vella nave se instalarán as adegas e se levarán a cabo as degustacións, tanto de queixo coma doutros produtos, entre eles paté. Na praza de Pedrafita do Cebreiro, que estrea nova imaxe tras a reforma á que foi sometida, tamén haberá moita actividade comercial, grazas á presenza de artesáns e doutros postos do máis variado.

Ao coincidir a feira do queixo co mercado semanal, os asistentes tamén poderán comer o polbo ou outros produtos típicos. Todo elo para darlle máis pulo a esta celebración, que contará coa actuación do grupo de baile rexional Xistra e cunha exposición de cadros da pintora local Elba González Aira. Esta cita será pregoada por dúas nenas do colexio de Pedrafita.