Marica Campo, a seguidora das antigas xeracións

Carlos Vázquez

A CORUÑA CIUDAD

A poetisa presentou «Sextinario: trinta e seis + tres», un poemario que busca a substancia das cousas

16 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«Son de xestación lenta e parto rápido», así se definiu Marica Campo á hora de explicar o longo proceso de elaboración Sextinario: trinta e seis + tres , a súa última composición poética que foi presentada polo Clube Cultural Valle-Inclán esta semana na Galería Sargadelos.

A autora estivo acompañada polo catedrático de Literatura Galega da Universidade da Coruña, Carlos Paulo Martínez Pereiro, e o xornalista lucense Francisco Arrizado, nun acto moi concorrido de público e ao que tamén asistiron recoñecidos persoeiros da cultura galega.

A escritora e poeta afincada en Guitiriz (nada no Val do Mao-O Incio, 1948) desvelou que principiou co poemario -que vén a engadirse a Tras as portas do rostro e Pedinche luz prestada - hai xa máis de seis anos, logo do desafío lanzado por Carlos Martínez.

Marica Campo recolleu a luva e aos poucos días xa esbozou a primeira sextina, decontado de que aquel lle remitira un libro de Joan Brossa que teoriza sobre esta composición poética do século XII.

Unha sextina, lembremos, está integrada por 39 versos de arte maior, estruturados en seis estrofas de seis versos e unha final con outros tres, normalmente hendecasílabos. «A sextina é un corsé, é como construír sometendo a emoción á regra», afirmou Martínez Pereiro, quen se amosou confiado en que este Sextinario se converta nun libro de referencia.

Logo dos sonetos, arestora Marica Campo reparou nesta forma métrica para seguir co que fixeron outras xeracións ao longo de séculos e séculos, segundo salientou. «Marica volve ás formas antigas», afirmou Francisco Arrizado.

E ten unha finalidade, a de evitar que non se perda ese legado que non hai que desbotar, comentou de seguido a propia autora, quen tamén fixo saber que «a poesía é unha busca».

Non só para o autor, tamén o lector poderá escudriñar ao longo das catro partes en que se divide este compendio poético: Da escrita, De nós e dos outros, De min e Máis tres.

A emoción sometida

No Sextinario de Marica Campo hai versos dedicados ás mulleres de Ciudad Juárez, retrátase o problema da violencia de xénero e mesmo hai un, o primeiro, onde se invoca a Arnaut Daniel, o trobador provenzal inventor da sextina. Tamén hai unha referencia Cortazariana .

En definitiva, «un libro único; un fito», en palabras do profesor Martínez, quen ten á poeta lucense como un referente, xunto a Camoes e Brossa. Este último e Augusto de Campos -os dous coñecidos del- motivaron o seu interese pola sextina e a conseguinte petición Marica Campo