Caneiro: «A literatura está vivindo baixo a ditadura do simplismo»

Rodri García A CORUÑA

TELEVISIÓN

EDUARDO

Presentou onte na Coruña o ensaio «Os dominios de Caín», publicado por Galaxia «O ocio está sepultando ás letras», asegura o autor de Verín, que hoxe asina libros

08 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Se esta páxina en lugar de falar dun escritor básico dentro do sistema literario galego como é Xosé Carlos Caneiro, e do seu novo libro -imprescindible para calquera persoa que lea en Galicia-, estivera ocupada por un autor mediocre e un deses libros perralleiros, sería unha páxina que caería baixo Os dominios de Caín; este é o título do novo volume de Caneiro, un ensaio «non científico, non circunscrito ao ámbito académico, unha visión subxectiva da literatura», no que emprega como argumento de partida unha lei económica dun magnate das finanzas do Londres renacentista, Thomas Gresham, que dicía: «Cando nun país circulan dúas moedas, unha boa e outra mala, a moeda mala despraza á boa». «A literatura galega -escribe Caneiro- está vivindo baixo a ditadura do simplismo, excesivamente condicionada polo sistema educativo e por unhas circunstancias históricas anómalas e adversas». O autor de Ébora, defende «unha estética de ir contracorrente que pretende restituír no mercado un tipo de literatura que agora mesmo está absolutamente desaparecida, unha literatura que respecta a linguaxe, a tradición literaria, o canon literario e que pretende revelar e non só divertir; este libro é unha defensa da literatura entendida como revelación e non simplemente como ocio, o ocio está sepultando a literatura», explica. Autores e libros ¿Hai autores que cumpren coa estética de Caneiro? A resposta é positiva, «hai algúns que defenden esa estética da ruptura, eses escritores que cada día levantan a súa voz contra a ditadura do simplismo na que permanecemos; pero eses autores están casE desaparecidos e iso é o que me preocupa». No ámbito galego cita «as memorias de Pepe Cáccamo, que é un libro excelente», o último poemario de Darío Xohán Cabana «que é un libro extraordinario». «Acabo de ler a novela de Domingo Villar, Ollos de auga, que me parece moi recomendable; hai persoas que escriben moi ben no país e o que necesitamos é que ese tipo de literatura se venda», aclara. O autor de Verín, que hoxe desde as 20.30 horas asina exemplares na Feira do Libro da Coruña, defende a coexistencia de «moitos tipos de autores, de novelas, de estéticas...». «O que non pode ser e que exista agora mesmo un tipo de literatura que desbancou e fixo desaparecer os demais: vivimos na época da novela esotérica, histórica, na época do thriller máis banal e hai outras literaturas», di. Este libro para o seu autor, en termos de xadrez, «unha defensa de dama, que é a literatura, quere ser unha barricada para que non traspase esa mala literatura, para que non todo sexa mala literatura».