Pregóns de excepción

Rubén Eyré

CHANTADA

17 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antes escoitaba moitos pregóns festeiros. Vía nos mesmos a posibilidade de seren un capítulo curioso do folclore galego. Despois rematei por cansarme deles. Posiblemente fose por albiscar tanta exaltación discursiva cuxa única finalidade era a de anotar un fato de evidencias con máis forza de voz. Mal asunto.

Con todo, hai que recoñecer que Chantada, tivo pregóns moi interesantes. Convén lembrar o artellado por Xosé Lois O Carrabouxo, o que pronunciou Celso Almuiña e, por suposto, o que dixo Uxío Novoneyra no 1984. Cadaquén ao seu xeito, co seu particular método, fixo do acto algo diferente ao que un xa estaba acostumado. Ningún dos tres persoeiros que citei se quedou na mera loanza das cousas ou en simples anuncios de feitos. Dito sexa, foron os menos escoitados.

Neste agosto do 2011 tamén houbo outro pregón que merece ser destacado. O da escritora Carmen Blanco. Comezou coa palabra Folión. Despois: Foliada, Folía... Seguíronlle: Amor, Corazón, Lúa, Carmen, Canción. Vida. Carmen... O seu nome; nome de todos os nomes, Poema, Canto. Con Amor con Corazón con Muller con liberdade, con Regra, con Revolución... Con elipses o discurso enteiro do pregón. Un meditado entrelazo de palabras, sen artigos, suxerindo. Frases nominais, sen verbos, interrelacionando esencias mediante unha emerxente precisión lingüística. Unha síntese de mundos nun mundo de concentración libertaria que nos trasmitiu en poesía. Quizais esta fermosa complexidade de elevar un pregón a xénero literario impactou nalgúns asistentes. Pero moitas persoas agradéceronlle a Carmen esa vontade de estilo de non renderse á congratulación da mediocridade.