A Ribeira Sacra vista de cerca a través dun teléfono móbil

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O realizador Xosé Luís Martínez gravou na zona un documental utilizando unha peculiar técnica

19 oct 2016 . Actualizado a las 14:29 h.

Un teléfono móbil dun modelo do 2010 foi a principal ferramenta utilizada na gravación do documental A Ribeira Sacra e o neno da ponte, unha obra dirixida polo realizador audiovisual e guionista Xosé Luís Martínez Carneiro que foi editada recentemente no portal Youtube. Natural da comarca da Limia, Martínez mantén desde hai tempo unha relación estreita coa Ribeira Sacra e con este traballo, segundo explica, quixo render unha homenaxe ao territorio e aos seus habitantes, ademais de contribuír á súa promoción. O filme, falado en galego e subtitulado en castelán, ten unha duración de 41 minutos e foi realizado sen ánimo de lucro, segundo precisan os créditos.

O feito de recorrer a un móbil para realizar a filmación -segundo indica o autor-, obedece á intención de «non intimidar» ás personas que participan no documental. «Utilizando cámaras e micrófonos, aínda que sexan de tipo caseiro, é moito máis difícil conseguir a atmósfera de intimidade que eu buscaba», apunta Martínez. «O que pretendía era que a xente falase con total desenvoltura e coa proximidade dunha conversa informal entre amigos, e para iso pareceume moito máis apropiado utilizar este pequeno aparello que non ten nin catro centímetros cadrados, porque é máis fácil esquecerse de que está aí e falar con naturalidade», engade. O realizador sinala que unha boa parte da gravación foi feita sen que el tivese o móbil nas súas mans. «Ás veces deixei o aparello colocado sobre unha pipa de viño ou noutro lugar para que fose gravando mentres nos enfrascábamos nas conversas», indica.

 

Asuntos variados

 

No documental aparecen varios adegueiros e viticultores, pero os diálogos que recolle o filme non tratan unicamente sobre os viños e a viticultura. «Fálase tamén da vida en xeral, da educación, dos maiores, dos fillos ou do futuro deste territorio», apunta Xosé Luís Martínez. O realizador apunta a a este respecto que desde hai un par de anos mantén unha relación de amizade con todos os protagonistas do filme e que con este traballo quixo reproducir coa maior fidelidae posible o ambiente das conversas que tivo con eles desde entón. O autor do documental considera que o obxectivo que se propuxo ao iniciar o experimento quedou plenamente conseguido. «Quería reflectir a proximidade, a paixón e o cariño que a xente da Ribeira Sacra sente pola súa terra e estou moi satisfeito do resultado», afirma a este respecto. «É un poema visual sobre unha xente e unha terra», agrega.

A gravación levouse a cabo entre setembro do 2015 e o pasado xuño. As conversas cos protagonistas desenvólvense en lugares como viñedos, adegas e casas particulares, e tamén no Ecomuseo de Arxeriz.

A única excepción, unhas vistas aéreas das paisaxes fluviais captadas coa axuda dun dron

Se ben a maior parte de A Ribeira Sacra e o neno da ponte foi gravada cun móbil, hai algunhas tomas que se realizaron coa axuda dun dron. «Esas imaxes son as únicas que se gravaron con outro aparello e tomeime a licenza porque neses fragmentos non se oe falar a ninguén», explica Xosé Luís Martínez. «Quixen dar unha idea da espectacularidade das paisaxes da Ribeira Sacra e para iso son especialmente indicadas as vistas aéreas», puntualiza.

O filme reflicte tamén outras paisaxes da zona en imaxes captadas co móbil. As seccións que recollen conversas foron gravadas principalmente en Chantada e Taboada, pero outras partes do documental foron gravadas en diferentes escenarios, como O Saviñao e o canón do Sil.

Martínez sinala por outra parte que o documental está a libre disposición de todos os que o queiran utilizar -sempre que non sexa con fins comerciais- para dar a coñecer a Ribeira Sacra. O realizador está planifiando actualmente outro proxecto audiovisual relacionado con este territorio que revestirá un carácter moi diferente, aínda que na súa elaboración tamén terán un papel importante os teléfonos móbeis. «Espero que este novo traballo poida quedar terminado para o outono do ano próximo», pronostica.