O conde de Lemos en pentagrama

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Editan unha obra musical inspirada na vida de Pedro Fernández de Castro

17 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O músico e compositor Carlos Diéguez, que iniciou a súa carreira musical nas bandas municipais de Sober e Monforte, acaba de editar a partitura da súa obra O Conde de Lemos, inspirada na figura histórica do séptimo conde monfortino Pedro Fernández de Castro. A peza foi interpretada por primeira vez en público pola banda municipal de Monforte no seu último concerto de Nadal, celebrado o pasado decembro na igrexa do Colexio da Compañía.

A edición foi presentada onte no conservatorio municipal Mestre Ibáñez polo propio autor da obra, acompañado polo director da banda local, Fernando Sanmartino, e pola concelleira de Cultura Alicia Cadarso. A peza foi publicada pola editorial especializada Dos Acordes e porase á venda ao prezo de corenta euros.

A composición encádrase no xénero musical da fantasía e foi creada expresamente para ser interpretada por bandas de música. Segundo indicou Sanmartino, a súa execución -que dura en total nove minutos- ofrece unha dificultade de nivel medio, o que ao seu parecer permite «que a poidan tocar perfectamente todas as bandas de música de Galicia».

Pola súa parte, Carlos Diéguez sinalou que as súas principais inspiracións para compor esta obra foron «a música medieval e a música celta». Na actualidade, o compositor traballa como director da banda municipal de Ortigueira e o festival de música céltica que se celebra anualmente nesta localidade coruñesa -segundo explicou- non deixou de ter certa influencia neste traballo.

Tres eixos temáticos

O compositor dividiu a obra en tres partes, cada unha das cales xira en torno a diferentes temas. A primeira sección, Sosego nas Terras de Lemos, pretende describir «a vida de meditación e retiro» do séptimo conde nas épocas que pasou en Monforte, para o que utiliza o son de campás, os metais graves e os óboes. A segunda parte, Festa no Condado, quere reflectir o ambiente das celebracións que se levaban a cabo en Monforte cando Pedro Fernández de Castro e a súa dona Catalina de la Cerda regresaban despois de pasar moito tempo fóra. A terceira sección, Na corte de Nápoles, simboliza un baile de palacio na cidade italiana durante o mandato do conde como vicerrei.

A composición -apuntou por outro lado Fernando Sanmartino- pasará a formar parte do repertorio habitual da banda monfortina, que volverá intepretala posiblemente nas próximas festas patronais. Carlos Diéguez, así mesmo, dirixiu esta obra en Sevilla o pasado 28 de febreiro, durante a celebración do Día de Andalucía.