Unha nova cita musical co bravú en Chantada

Natalia Díaz CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

14 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ano máis coa chegada do tempo da castaña, celebrarase en Chantada unha nova edición, a oitava, do festival Castañazo Rock, que nesta ocasión se amplía de un a dous días. A falta da presentación oficial polos organizadores, o cartel xa está publicado na súa páxina web www.castanhazo.com , e reunirá a algunhas das bandas de rock alternativo más significativas dos últimos vinte anos en España. Serán precisamente os concertos que se celebrarán tanto o sábado como o domingo os actos centrais do festival, que terá lugar no mercado gandeiro da vila.

O día 30 subirán ao escenario os madrileños Boikot e a lexendaria Banda Bassoti, chegada de Italia. Non faltarán o colectivo compostelán Ruxe Ruxe e o grupo chantadino Alén.

O cartel completarase o domingo coas actuacións da banda valenciana Obrint Pas, cuxa música é unha mestura de hardcore punk, ska e rock con melodías e instrumentos tradicionais, e o grupo de punkrock Fe de Ratas, caracterizado polas súas letras de protesta política. Tamén actuarán Dakidarria, unha banda de ska-punk, punk-rock y reggae de Nigrán, e a banda de pop-folk ourensán Guezos.

Canto tabernario

Ademais dos concertos fixados en ámbalas dúas xornadas, o cartel do Castañazo Rock, ao igual que en anos anteriores, inclúe outras actividades lúdico-culturais como a a celebración dun magosto popular, así como un concurso de canto tabernario, xogos bravúns e diferentes obradoiros, que se desenrolarán no mercado gandeiro da vila.

O Castañazo rock está organizado pola asociación O Castañazo, da que forman parte máis dun cento de socios.

Ademais da venda de camisetas, o colectivo programou diversas actividades co fin de recadar fondos para o festival, entre elas un concerto celebrado en abril, no cal participaron os grupos Guezos e John Deeres, que tocaron na sala chantadina Mogay.