O BNG de Chantada súmase ás alegacións presentadas polo SLG ás Directrices de Ordenación do Territorio

La Voz CHANTADA/LA VOZ.

LEMOS

O BNG de Chantada asume íntegramente as alegacións presentadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ás Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) que a Xunta aprobou inicialmente o 30 de xuño. Segundo os nacionalistas, o Goberno autonómico propón un cambio radical «do modelo de país facendo desaparecer os valores culturais, sociais e económicos en base á modernidade, ao desenvolvemento e á innovación dunha economía ficticia aínda por crear».

O voceiro do BNG local, Xosé Álvarez Bugallo, apuntou que Chantada e a súa comarca asentan a súa vida económica na agricultura e na gandería das que dependen a práctica totalidade das outras actividades, polo que consideran que as directrices impoñen un novo concepto de equilibrio territorial, do agro, do litoral, da cultura, da paisaxe e do lecer, «facendo desaparecer as parroquias, as comarcas naturais, os pequenos núcleos e, con eles, unha maneira de ser e de vivir». Como consecuencia, sinalan os nacionalistas, desaparecerán os servizos que se prestan á poboación dende a proximidade e as comunicacións entre pequenos núcleos. Tamén dan por desaparecidas dende o BNG as actividades primarias ligadas ao territorio.