Homenaxe no asilo de San José a unha centenaria

Natalia Díaz MONFORTE |

LEMOS

María Armesto Vega celebrará o seu cen cumpreanos acompañada de familiares e compañeiros do centro

26 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

María Armesto Vega naceu hai cen anos nunha aldea do Inicio e leva máis de dez no asilo San José en Monforte, malia que hai tempo que «perdeu a conta», aínda que non a lucidez. Aínda que naceu o 14 de agosto, a festa do seu aniversario terá lugar hoxe, aproveitando a coincidencia co día da patroa do asilo, santa Teresa. Así, dende o centro organizáronlle unha homenaxe a María que incluirá unha misa na que participará a centenaria cunha ofrenda floral.

A continuación terá lugar un acto de entrega de agasallos e un xantar amenizado por un grupo de gaiteiros no que se reunirán familiares de María e compañeiros do centro de maiores.

María era a máis pequena de sete irmáns. Dos seus recordos de xuventude, lembra sobre todo cando ía ao monte recoller os alimentos para a facenda. A medida que se foron facendo maiores, todos foron casando e marchando da casa, situada en Monteagudo, agás ela, que non contraeu matrimonio.

Os últimos anos na aldea pasounos soa, polo que os seus sobriños decidiron levala ao centro de maiores San José, onde cada día asiste a misa e a diferentes talleres de manualidades. Tampouco se esquece de visitar todos os días a san Antonio, situado no muro exterior do asilo, a quen lle reza asiduamente agás no inverno, cando vai moito frío, xa que «sor María non me deixa ir porque senón acatárrome», di resolta. Malia a súa avanzada idade, o seu estado de saúde é bo, non toma ningún medicamento, oe ben, ve mellor, camiña con axilidade e non renuncia ás súas gafas de sol cando sae pasear.

Só ten unha queixa relacionada coa idade: a dentadura. «Cando era nova tiña unha dentadura tan feita e branca como podedes ter vós», dilles ás rapazas que a coidan cun sorriso no beizos.