«Déixolle os meus apuntes a quen mos pida, o caso é que os entenda»

LEMOS

17 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Lorena Saavedra López acaba de recibir un dos premios de excelencia académica que lles outorga cada ano a Consellería de Educación aos estudantes con mellor nota de corte na selectividade. Nacida en Escairón hai 18 anos, Lorena estudou primeiro no colexio da súa vila e despois no instituto Río Cabe. Rematou o bacharelato o ano pasado cunha nota media de 10. A media co resultado da selectividade deixoulle a media nun 9,51. Agora estuda matemáticas en Santiago.

-¿Hai que renunciar a moitas cousas para sacar estas notas?

-Eu non renuncio a nada. Normalmente non estudo a diario, só as fins de semana. Se teño que saír cos amigos, saio.

-¿Como van os estudos en Santiago? ¿Vai manter esas notas tan altas tamén na carreira?

-Non o sei, pero polo de agora non noto moita máis dificultade.

-¿Que lle din os amigos?

-Nada especial. A min non me gusta presumir de notas. Cada un saca as que saca. Nin sequera teño un método para estudar, fágoo con música, con ruído. Incluso son moi chafalleira cos meus apuntes, están moi desordeados. Non teño problema ningún en prestarllos a quen mos pida, o caso é que os entenda [ri].

-Estuda matemáticas. ¿Quere ser profesora?

-As matemáticas eran o único que non descartaba cando me poñía a elixir. ¿Profesora? Sempre dixen que non teño paciencia para iso. Xa o pensarei, que aínda queda moito.