A Ribeira Sacra peregrina en imaxe polas sete cidades

LEMOS

Unha exposición fotográfica acercará o patrimonio histórico da zona ás principais localidades galegas

17 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente do consorcio turístico da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, presentará mañá en Santiago unha exposición itinerante que durante os próximos meses divulgará o patrimonio histórico e os valores paisaxísticos da zona nas sete principais localidades galegas. O acto celebrarase ás 11 horas na biblioteca Ánxel Casal e contará coa presenza da secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo.

A exposición, titulada Paisaxe e cultura do románico na Ribeira Sacra , recolle 44 imaxes realizadas pola fotógrafa ourensá Marisol Gavilanes nos vinte municipios da zona. As igrexas románicas e os mosteiros ocupan un lugar preponderante na mostra, segundo explican os responsables do consorcio, pero as imaxes tamén reflicten outros aspectos característicos do territorio, como a actividade vitícola e o seu entorno natural.

A mostra permanecerá arredor de nove días en cada unha das cidades, onde será anunciada con abundantes carteis e bandeirolas. En Santiago poderá verse ata o día 28 na mencionada biblioteca. Seguidamente, do 9 ao 19 de xullo, estárá no Centro Cultural da Deputación de Ourense. De alí irá ao centro cultural Torrente Ballester de Ferrol, entre o 23 de xullo e o 2 de agosto. A seguinte parada será no Fórum Metropolitano da Coruña, do 20 ao 30 de agosto. Os organizadores están agora realizando xestións para levala despois a Vigo e Lugo e máis adiante, a Pontevedra.

Unha vez terminada a presentación nas sete grandes cidades, a exposición pasará probablemente polos paradores de Monforte e Santo Estevo de Ribas do Sil. A iniciativa forma parte dunha campaña de promoción que conta en conxunto cun orzamento de 70.000 euros e é a primeira exposición deste tipo que se organiza dentro do plano de dinamización turística da zona.