Persoal de Medio Rural drenou unha galería inundada da antiga explotación da Pobra do Brollón e limpou a maleza que ocultaba as súas perigosas chemineas
04 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.As antigas minas de ferro de Todrigo, redescubertas recentemente na Pobra do Brollón despois de ter estado ocultas pola vexetación desde finais dos anos 50, xa están un pouco máis accesibles. O pasado día 26, persoal da Consellería de Medio Rural fixo traballos de limpeza nos arredores da mina principal, situada na ladeira do monte Penido, nas cercanías de Paramedela. Ao mesmo tempo, retirouse a terra acumulada que impedía a saída das augas dunha das bocas da mina, o que mantiña esa galería inundada en grande parte e polo tanto inaccesible.
O labor de eliminación da maleza tiña por obxectivo facer máis visibles os vellos pozos de ventilación da mina, uns buracos verticais de grande tamaño que nalgún caso superan os sete metros de altura, a fin de prevenir posibles accidentes. Unha caída nun destes pozos pode ter consecuencias moi graves.
Polo que respecta á galería inundada, a eliminación dos obstáculos que impedían a súa drenaxe deixouna en condicións de ser percorrida a pé. A auga que se acumulara no seu interior desapareceu praticamente por completo. Os operarios que efectuaron a operación colocaron algunhas pedras no solo do primeiro tramo do túnel, o único que continúa encharcado, co obxecto de facilitar o paso.
Esta mina é precisamente unha das que teñen unha maior lonxitude, de arredor de cen metros. Da galería principal arrancan outras dúas, á esquerda e á dereita, que teñen cerca de trinta metros de longo cada unha e que foron abertas para buscar as ramificacións das vetas de ferro.
Unha destas galerías laterais está situada a unha altura bastante inferior á do túnel principal. As dúas cavidades están comunicadas por unha fenda dun metro de anchura que se abre na parede de rocha. O desnivel entre as dúas galerías é duns catro metros, polo que hai que extremar as precaucións ao asomarse polo buraco. A galería situada no nivel inferior ten unhas considerables dimensións e na súa bóveda ábrense dúas chemineas ou respiradoiros que comunican co exterior.