Itinerarios a medio facer

LEMOS

A sinalización de tres rutas de sendeirismo en Brollón está sen completar desde o 2007 porque as axudas quedaron curtas

04 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A sinalización dunha serie de rutas de sendeirismo que comezou a instalar hai arredor de dous anos a asociación de veciños de Salcedo, na Pobra do Brollón, continúa hoxe inacabada debido a que no seu momento non se conseguiron suficientes axudas para rematar o proxecto. No inicio dos itinerarios -todos eles parten de Salcedo- poden verse paneis informativos que ofrecen unha visión de conxunto de cada un dos traxectos, pero a sinalización que se pretendía instalarse ao longo das rutas non chegou a colocarse de todo. En lugares como a Devesa do Loureiro ou a ferrería do mesmo nome están instalados uns soportes de madeira que nunca chegaron a ter un cartel explicativo. Nalgún caso, como o da mencionada ferrería, as silvas están comezando a cubrir estes soportes nunca utilizados.

O entón presidente da asociación veciñal, Felipe Castro, sinala que «as axudas que se conseguiron no seu momento da Xunta chegaron para limpar e habilitar as rutas e para colocar os atrís, pero non para facer os paneis que debían describir os principais puntos de interese ao longo deses percorridos. Os paneis que se colocaron no punto de inicio das rutas foron financiados cunha axuda que concedeu a Asociación Río Lor», agrega.

Solicitar unha subvención

A pesar do evidente que ofrece este conxunto de rutas para a promoción turística da zona, a asociación veciñal de Salcedo non pode dedicar fondos propios a completar este sistema de sinalización. «De momento é inviable gastar diñeiro da asociación nunha operación dese tipo, porque os fondos que temos son moi limitados e hai cousas que para os veciños son máis urxentes, como terminar a construción do local social da parroquia», sinala o actual presidente da entidade, Teddy López Pedredo. «O que si poderíamos facer é pedir unha subvención á Consellería de Medio Rural ou outro organismo público, a ver se nos axudan a colocar os paneis que faltan, pero para iso haberá que esperar a que pasen as eleccións», engade.