Búscanse aneladores de aves nas terras de Lugo e Ourense

LEMOS

Varios grupos ornitolóxicos debaterán en Monforte sobre como potenciar a investigación no interior

26 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O sétimo Congreso Galego de Ornitoloxía, que se inaugura ás 17 horas de hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte, pode supor un importante paso adiante para a coordinación do estudo científico das aves en Galicia. Dentro deste congreso, o domingo pola mañá reuniranse todas os colectivos e persoas que traballan na comunidade no anelamento científico de aves, co obxecto de establecer unha colaboración permanente entre elas e de crear un banco de datos que unifique todas as observacións feitas neste campo en territorio galego.

No encontro participarán representantes dos grupos de anelamento Anduriña, Píllara, Hércules e Torquilla, a Sociedade Galega de Historia Natural e algúns investigadores individuais, que xa mantiveron reunións previas co obxectivo de agruparse nunha coordinadora. En Monforte intentarase consensuar un documento que sirva de base para unha iniciativa que reúna os datos recollidos ao longo de cada ano por estes investigadores. Segundo explica Víctor Cabaleiro, do grupo Anduriña, «ata o momento, estas observacións son remitidas ao Ministerio de Medio Ambiente, que á súa vez traslada esa información a Londres, onde está a sede da organización BirdLife International, a rede mundial de protección das aves e dos seus hábitats. O que non existe é un banco de datos que agrupe sistematicamente todas as observacións recollidas en Galicia, de maneira que calquera investigador poida acceder facilmente a elas, e esa é unha carencia que se pretende remediar», engade.

Formación

Os grupos de anelamento queren tamén promover iniciativas que faciliten a formación de novos aneladores de aves nas provincias de Lugo e Ourense. Todos os grupos que desenvolven este labor científico concéntranse na Coruña e Pontevedra e son eles os que se encargan de facer anelamentos no interior. «O problema é que para obter o permiso oficial hai que participar en xornadas de anelamento e anelar un número considerable de aves, o que se resulta complicado para a xente que vive no interior, porque estas actividades están facéndose sobre todo nas zonas costeiras», apunta Cabaleiro.

Un dos obxectivos que se propoñen estes colectivos é organizar máis xornadas de anelamento en zonas lucenses e ourensás que aínda están pouco estudadas, a fin de que poidan formarse máis voluntarios residentes nestas provincias e de que mellore o estudo das aves e das súas rutas migratorias no interior.