Reproducen cunha nova técnica dixital o castro de Formigueiros

LEMOS

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O castro de Formigueiros, no municipio de Samos, está sendo obxecto dun proxecto de elaboración de imaxes tridimensionais que emprega unha ferramenta tecnolóxica ata agora nunca utilizada para documentar un xacemento arqueolóxico galego. O traballo é realizado por un equipo de investigadores da Escola Politécnica Superior de Lugo e o seu obxectivo é obter unha réplica dixital das construcións do castro que foron postas ao descuberto nas esvacacións feitas nos últimos anos. Con esta fin utilízase unha aplicación informática denominada Photomodeler Scanner, creada en Canadá, que saíu ao mercado o pasado abril e será presentada oficialmente en España o mes próximo, na feira Costrutec de Madrid.

Os directores do equipo que leva a cabo a tarefa, Juan Ortiz e Mariluz Gil, sinalan que este sistema obtén uns resultados moi similares ao escáner de láser que se utiliza desde hai anos para obter réplicas de todo tipo de obxectos. As principais diferenzas consisten en que o Photomodeler Scanner utiliza a luz normal en vez do láser e reproduce con precisión a cor real dos obxectos, ademais de resultar moito máis barato. «Un equipo de láser pode custar de 60.000 euros para riba e o sistema que usamos neste proxecto anda entre 6.000 e 9.000 euros», precisan os investigadores. Por outro lado, o equipo empregado neste sistema é moito máis lixeiro e por tanto máis adecuado para realizar traballos de campo.

Procedemento

A técnica consiste en tomar primeiramente unha serie de imaxes das superficies que se queren reproducir utilizando unha cámara fotográfica de dez megapíxeles e obxectivos de moi alta calidade óptica. No caso de Formigueiros, o equipo tomou arredor dun milleiro de imaxes con cámaras situadas a nivel do chan e montadas en pértegas. O programa informático permite obter con precisión as coordenadas espacias das superficies fotografadas e utilizar as imaxes para compor un modelo tridimensional fotorrealista que reproduce con fidelidade as distancias entre os diferentes puntos e pode ser utilizado a vontade polo usuario para observar o conxunto desde todas as perspectivas.

O equipo da Escola Politécnica experimentou este sistema o pasado mes de xullo reproducindo a Porta de Santiago da muralla lucense e utilizouno tamén para elaborar réplicas dalgunhas pequenas construcións tradicionais, como hórreos, muíños e caneiros. O equipo coordinado por Ortiz e Gil leva arredor de seis anos traballando no campo da denominada fotogrametría arquitectónica -reprodución tridimensional de elementos construídos- e considera que a nova ferramenta representa un avance considerable neste traballo. «Este sistema non só pode resultar moi útil en arqueoloxía, senón tamén en arquitectura, enxeñería, industria e incluso en medicina forense», apunta Juan Ortiz.