A festa do lume de Vilelos loita pola súa revitalización

LEMOS

07 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que non é tan célebre como a queima das fachas que se celebra esta noite en Taboada, a localidade de Vilelos, no Saviñao, tamén conserva viva a súa propia festa do lume. Os veciños de Vilelos queren revitalizar esta peculiar tradición para garantir a súa continuidade e para que chegue a ser tan coñecida como outros festexos galegos de interese etnográfico.

Non últimos anos houbo un par de ocasións en que o folión de Vilelos non se celebrou -unha vez porque non se puido organizar a festa a tempo e outra porque choveu en exceso-, pero o costume non se perdeu. O que pretenden agora os veciños é darlle máis importancia con varias iniciativas. «Intentaremos elaborar un número importante de fachas para darlle máis espectacularidade e queremos contratar a un grupo folk para animar o ambiente, pero aínda estamos preparando o programa», explica Tania Mirás, integrante da comisión organizadora. O desfile de antorchas celebrarase o próximo día 26, a partir da medianoite.

Por outro lado, os veciños contactaron coa asociación cultural Lugopatrimonio, que promove unha iniciativa coa fin de conseguir que a Xunta cree unha figura especial para protexer as festas populares de especial valor cultural e histórico, como as fachas de Taboada ou o entroido ribeirao chantadino. «Non é fácil manter vivos estes festexos en localidades pequenas onde queda moi pouca xente nova, así que esperamos que o proxecto de Lugopatrimonio axude tamén a conservar a nosa tradición», di Tania Mirás.

Semellanzas con Castelo

Para a festa deste ano, os organizadores esperan contar con axudas económicas do Concello do Saviñao, da Consellería de Cultura e quizá tamén da Dirección Xeral de Turismo, aínda que este último organismo aínda non respondeu á súa solicitude.

A festa de Vilelos mostra moitas similitudes coa queima das fachas da parroquia taboadesa de Castelo e comparte unhas orixes presumiblemente moi antigas. De feito, estas dúas celebracións son ao parecer as únicas que conservan en Galicia nas que se utilizan antorchas elaboradas cos arbustos coñecidos como agucios.

En ambos casos, o escenario do festexo é un castro. Pero mentres que as antorchas de Taboada permanecen quietas na cima do monte, as de Vilelos fan unha pequena peregrinación. Os veciños que as portan reúnense ao pé dun peto de ánimas e ascenden ao Castro da Besta portando as antorchas acesas para regresar despois ao punto de partida. «Queremos animar a toda a xente que non coñece esta festa que a veña ver, porque é todo un espectáculo», apunta Tania Mirás. «Non é mesmo vir vela cos propios ollos que coñecela por fotografías», engade.