Un traballo da Escola Politécnica sobre o pino foi escollido como mellor tese anual de Forestais

La Voz

LEMOS

A Sociedade Española de Ciencias Forestais (SECF) acordou conceder o seu premio anual á mellor tese doutoral á realizada por Beatriz Omil Ignacio, polo traballo titulado Xestión de cinzas como fertilizante e enmendante de plantacións xoves de Pinus radiata, dirixida por Agustín Merino dentro da Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo.

Foron necesarios cinco anos de estudos para extraer as conclusións que recolle Beatriz Omil no seu traballo, no que contou coa colaboración da empresa Finsa, do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e da Xunta. Os estudos consistiron na análise do crecemento das especies arbóreas e do sotobosque nunha parcela de cen hectáreas na que se botaron unhas mil toneladas das cinzas obtidas da queima de restos de biomasa da empresa madeireira.

Segundo explica na súa tese, a queima dos restos de madeira que non se utilizan para a fabricación de taboleiros produce como resto esta cinza, que non sendo material perigoso, ten que se levada aos vertedoiros para a súa xestión, o que lle supón á empresa un custe engadido. Utilizando estes restos para o fertilizante do bosque, os estudos amosaron que aumenta o crecemento das árbores e que entre as especies de sotobosque pasaron a ter maior presenza as gramíneas e herbáceas, que ademais reducen o risco de incendio forestal.

Omil analizou a posible presencia de materiais pesados nas setas que creceron nesa parcela acotada, concluíndo que dúas aplicacións de cinzas en anos consecutivos, de dez toneladas por hectárea, é suficiente para manter os beneficios estudados sen aumento de substancias nocivas. Os estudos foron realizados nun primeiro momento en especies de 7 e 8 anos, pasando despois aos de 15 ou 16 anos e rematando con especies adultas.

Segundo se indica nas conclusións do xurado do premio, este foi concedido polo seu carácter innovador e pola súa viabilidade para a súa aplicación real para produtores de madeira. O galardón, que ten unha retribución económica de 2.500 euros. Trátase da primeira edición desta convocatoria, que ten ámbito nacional e que premia tamén o mellor proxecto fin de carreira.

Formada na Politécnica, mantén unha estreita colaboración coa Unidade de Xestión Forestal Sostible.