Letras por partida dobre

LEMOS

O escritor chantadino Xosé Lois García publica unha antoloxía de poetas galegos e outra de poesía africana

04 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A extensa bibliografía de Xosé Lois García acaba de incrementarse con dous novos títulos que aparecen de forma praticamente simultánea. Ambas obras encádranse na súa faceta de antólogo e tradutor, que ocupa un importante espazo no conxunto da obra literaria do autor chantadino.

Por unha parte, García preparou e prologou unha Antoloxía dos poetas galegos en Cuba que recolle textos de catorce autores dos séculos XIX e XX que pasaron parte da súa vida na illa caribeña. Na selección figuran escritores amplamente coñecidos, como Manuel Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Manuel Lugrís Freire e Xosé Neira Vilas, xunto con outros menos divulgados hoxe en día, como Xulio Sigüenza, Alfredo Nan de Allariz ou Nicasio Vidal Pita.

Nesta nómina aparece tamén o curioso caso de Domingo Campio Devesa Naveiro, un xastre emigrado a Cuba e falecido en 1895 que deixou unha colección de poemas inéditos en galego. Esta obra manuscrita foi achada polo propio Xosé Lois García nunha librería cubana e publicada en Galicia no 2004.

O autor da antoloxía sinala a existencia de diversas referencias comúns entre estes poetas, entre os que hai por outro lado importantes diferenzas creativas e estilísticas, como «o laio por unha terra irredenta, a denuncia das influencias caciquís e os malos gobernos que mantiveron a unha Galiza pragada de frustracións, de indiferenzas, e dunha secular sangría emigratoria que non permitiu un adecuado rexurdimento social e político que superase o atraso económico no que estaba sumida».

Entre Cuba e África

A outra publicación, que non é unha obra orixinal de Xosé Lois García, está vinculada ao marcado interese do autor chantadino polas culturas africanas, ás que xa ten dedicado diversos libros, o que lle valeu ser nomeado membro de honra da Unión de Escritores Angolanos. Consiste na tradución ao galego da antoloxía Poesía anónima africana , realizada polo escritor e etnólogo cubano Rogelio Martínez Furé -un coñecido investigador da cultura afrocubana- e publicada orixinalmente en español en 1968. Esta obra recolle numerosas mostras da poesía tradicional e dos cantos populares de diversos países da África negra -como Nixeria, Gabón, Malí, Camerún ou Kenya, entre outros-, pero inclúe tamén textos literarios do antigo Exipto e poemas tradicionais dos bereberes e dos tuaregs de Alxeria.

Con anterioridade, Xosé Lois García publicou varias antoloxías, preparadas por el mesmo, nas que recolleu pezas literarias de autores africanos que utilizan a lingua portuguesa como medio de expresión.