Unha experiencia considerada moi útil aínda que non se pode trasladar directamente á montaña lucense

La Voz

LUGO CIUDAD

28 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os organizadores da viaxe de estudos puntualizan que a experiencia de Somiedo non se pode trasladar directamente ao Courel, dadas as diferenzas existentes entre ambas zonas. «Somiedo é un parque de alta montaña e O Courel é unha área de media montaña. Alí o principal valor natural é a fauna, mentres que o do Courel é a vexetación, polo que os regulamentos dos dous parques serán seguramente bastante diferentes, pero aínda así a comparación pode sernos moi útil para facernos unha idea do que pode pasar na nosa zona nun futuro próximo», indican. «A normativa do parque asturiano é máis restritiva do que será sen dúbida a do Courel, pero iso non impide que alí se desenvolva unha actividade agropecuaria moi importante e debemos ter en conta circunstancias como esta», engaden.

As asociacións que promoven a viaxe destacan o notable crecemento económico que coñeceu Somiedo desde a fundación do parque. «Antes, en canto á renda por habitante, Somiedo ocupaba o posto 76 entre os municipios de Asturias -dun total de 77- e hoxe está no posto 47 desa lista», apunta Vázquez Torrón, quen por outro lado considera necesario desterrar a crenza de que os principais beneficiarios da creación dun parque natural son os hostaleiros. «É evidente que o parque incrementará a actividade hostaleira, pero ao abrirse novos negocios tamén haberá máis competencia da que hai agora. O que importa é darse conta de que unha iniciativa de protección ambiental pode xerar novas alternativas económicas e beneficar a sectores moi diversos», agrega.

Pizarreiras

Os promotores da excursión, por outra parte, queren desvincular a iniciativa da polémica sobre as explotacións de pizarra. A xuízo do presidente da asociación Serra do Courel, «a miúdo formúlase un falso dilema entre canteiras de pizarra e parque natural, pero para crear o parque non fai falta pechar a canteira da Campa, que ademais está fóra da Rede Natura. Hoxe no Courel non hai alternativas económicas e laborais á pizarra e por agora non é factible pechar esas explotacións, pero esas alternativas poderían desenvolverse nos próximos anos se o proxecto do parque natural vai para diante», pronostica Vázquez Torrón.