Patrocinado porPatrocinado por

A relación histórica coa viticultura e a agricultura, un atractivo pouco explotado

La Voz

AGRICULTURA

15 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A divulgación do patrimonio románico da Ribeira Sacra, en opinión do escritor chantadino Xosé Lois García, investigador da arte medieval do sur lucense, podería facer máis fincapé en certos referentes concretos que axuden a comprender mellor a evolución histórica destas comarcas. «Dise normalmente que os monxes do Medievo escollían as paraxes apartadas da Ribeira Sacra para construír os mosteiros porque buscaban paz e tranquilidade, pero o criterio que seguían en realidade era bastante máis prático», apunta. «As fundacións monásticas benedictinas e cistercienses facíanse sempre nos lugares máis fértiles, máis abundantes en auga e máis aproveitables para a agricultura, e a presenza dunha igrexa románica indica que a zona que a rodea era atractiva para un tipo determinado de explotación agrícola, aínda que hoxe nos pode parecer que algunhas delas están perdidas no medio do monte, como pasa coa igrexa de Pesqueiras, en Chantada», agrega.

O estreito vínculo existente entre as comunidades monásticas medievais e o desenvolvemento da viticultura na Ribeira Sacra, por outra parte, é mencionado ás veces nas informacións turísticas, pero dun modo moi breve e superficial. A relación entre o viño e a arte románica é un posible atractivo moi pouco explotado ata o momento.