Centos de persoas nos actos do novo Castañazo Rock

LEMOS

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«Un chute nacional de autoestima emocional e de ansia emocional». Iso foi o rock bravú en palabras de Xosé Manuel Pereiro, monfortino, xornalista e cantante de Radio Océano, un dos grupos percursores daquel movemento nacido en 1994 na cantina da aldea chantadina de Viana. A descripción de Pereiro figura na folla promocional de 120 capadores , o disco homenaxe aos Diplomáticos presentado onte en Chantada nun dos actos programados dentro do novo Castañazo Rock.

As cancións do disco, revisións de letras do grupo que liderou Xurxo Souto desde o barrio coruñés de Montealto, abriron a media tarde o festival e deron paso a unha mesa redonda que se celebrou no hotel Mogay. Moderado por Belén Regueira, no coloquio participaron Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Souto, a xornalista María Yáñez, o crítico literario Xosé Manuel Eiré e o escritor Xavier Valiño.