Todo listo para o Castañazo

LEMOS

Unhas 40 personas traballan en Chantada na organización do festival bravú de mañá

02 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Un festival con media ducia de grupos, a presentación do disco homenaxe ós Diplomáticos, unha feira discográfica e unha mesa redonda con músicos, xornalistas e escritores lembrarán mañá que en 1995 naceu nunha cea na cantina de Viana o movemento bravú. Doce anos máis tarde, a fundación Castañazo reunirá en Chantada a moitos dos que máis pintaron no parto da etiqueta que marcou boa parte da música feita en Galicia durante os anos noventa. A xornada empezará cunha mesa redonda e rematará coa reedición do festival Castañazo Rock, no que se poderá ver e escoitar de novo aos Rastreros, o grupo anfitrión daquela cea en Viana.

Ao redor de 40 persoas traballan como voluntarios para que mañá todo saia como está previsto. Ernesto Gay, un dos integrantes da asociación Castañazo, confirmaba onte que todo vai según o previsto. «O escenario do concerto vaise montar mañá [por hoxe] no mercado gandeiro e os postos da feira do disco galego xa están porque utilizaremos os da feira ecolóxica da fin de semana pasada», explica.

Os organizadores agardan a chegada de centos de personas de fóra de Chantada, sobre todo ao concierto que pechará o día. Unha parte dos visitantes virán nos autobuses que unha empresa especializada fletará desde distintos puntos de Galicia en función da inscripción previa. «Para o ano posiblemente sexa mellor fletar os autobuses sen necesidade de que ninguén se apunte antes», conta Ernesto Gay. ¿Así que xa está claro que o novo Castañazo Rock volve para quedarse? «Todo vai collendo coherencia e solidez -dice-, e se finalmente todo sae ben pois haberá que seguir con isto tamén o ano que vén».

O festival empezará ás nove da noite e a entrada custará dous euros. Para cear non será preciso saír do recinto. Haberá postos de polbo e magosto. Tocarán, como estaba previsto Zënzar, Os tres trebóns, Cuchufellos, Motor Perkins, Ruxe Ruxe e os Rastreros. O grupo de Chantada sairá ao escenario cara a metade do festival.

Pero a primeira convocatoria do Castañazo Rock, co permiso do concerto de trifulca e a jam sesion desta noite na sala Mogay, será a presentación ás cinco menos vinte no hotel deste mesmo nome de 120 capadores , o disco homenaxe aos Diplomáticos, o grupo bandeira do movemento bravú. A continuación chegará a mesa redonda, na que intervirán, entre outros, Manuel Rivas, Suso Iglesias, Xurxo Souto, Xosé Manuel Pereiro e Santiago Jaureguizar. Ao tempo que eles empecen a falar, abrirá no mercado gandeiro a primeira feira do disco galego.