«A Festa da Castaña e do Mel pretende ser máis que unha simple festa»

LEMOS

Felipe Castro preside a asociación de veciños da parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón, que mañá celebrará a terceira edición da súa Festa da Castaña e do Mel. As actividades comezarán sobre as dez e media da mañá no Souto de Paramedela e proseguirán ao longo do día en Salcedo, onde os establecementos hostaleiros ofrecerán menús especiais nos que entrarán estes e outros produtos típicos da zona.

-¿O programa da festa deste ano presenta novidades con respecto ás anteriores edicións ?

-A principal novidade é que este ano celebraremos en Salcedo a exposición etnográfica que antes presentábamos no Souto de Paramedela. Aproveitaremos o feito de que agora contamos na localidade cun pequeno museo. Polo demais, o programa deste ano segue a mesma liña que os outros: unha ruta guiada desde Salcedo a Paramedela, onde haberá unha degustación de castañas e mel e unha exhibición de olería de Gundivós, charlas informativas sobre o aproveitamento dos soutos e dos cogumelos, un magosto popular... O que facemos pretende ser máis que unha simple festa para que a xente o pase ben. Queremos tamén salientar as posibilidades de desenvolvemento que ofrecen os recursos tradicionais do monte.

-A súa asociación encárgase de organizar tamén o entroido de Salcedo e promove rutas de sendeirismo na zona. ¿Teñen previsto desenvolver outras actividades no futuro inmediato?

-De momento temos previsto continuar traballando no terreo do sendeirismo e pensamos participar dalgunha forma na próxima Feira Forestal de Galicia, en Lugo. Xa contactamos por este motivo coa Consellería de Medio Rural.

-¿É difícil organizar todas estas actividades nunha poboación pequena como Salcedo?

-É bastante complicado, porque somos moi poucos veciños e os medios con que contamos son moi limitados. Esperamos que as diferentes administracións se impliquen máis no apoio ás asociacións como a nosa, que se esforzan por abrir novas vías de desenvolvemento no medio rural.