«Calculamos que o noso festival poderá reunir a unhas 1.500 persoas»

LEMOS

25 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ernesto Gay é un dos veciños de Chantada que estes días traballan activamente na organización do Castañazo Rock, o concerto que o próximo 3 de novembro tentará de recuperar unha peculiar tradición nacida a principios dos anos 90.

-¿Canta xente esperan que acuda ao novo Castañazo?

-É impredecible, porque isto está despertando moita expectación e estamos recibindo correos de moita xente que quere vir ao concerto. Calculamos que o noso festival poderá reunir en Chantada a unhas 1.500 persoas, por comparación con outros festivais dun tamaño semellante que se organizan noutros lugares.

-¿Hai moita xente colaborando na organización do festival?

-Somos unhas trece persoas traballando de forma continuada e contamos co apoio dalgunhas máis, así que en total somos en torno a vinte os que estamos preparando a cousa e para o día do festival contamos con ter axuda doutros amigos. Tamén hai que dicir que estamos encontrando unha colaboración excelente das empresas e o comercio da zona.

-¿Xa se animan a preparar outro concerto para o ano próximo?

-Por agora non quixemos comprometernos en nada para outros anos, pero a nosa idea é que esta iniciativa se consolide dunha forma efectiva e queremos que o Castañazo Rock non se recupere soamente nesta ocasión, senón que siga celebrándose en anos próximos.