Unha singular tradición musical que intenta renacer

F. A.

LEMOS

18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Na Casa de Cultura chantadina será presentado oficiamente, ás doce do mediodía de hoxe, o programa do Castañazo Rock, que se celebrará na vila o próximo 3 de novembro. O programa do concerto, que xa foi sendo dado a coñecer en días pasados, incluirá actuacións dos grupos Rastreros, Zënzar, Motor Perkins, Ruxe Ruxe, Os Cuchufellos e Os Tres Trebóns, así como unha mesa redonda na que participarán diversos músicos, escritores e xornalistas e unha feira do disco galego.

Con esta iniciativa, promovida pola asociación O Castañazo, preténdese recuperar a singular tradición creada a comezos dos anos noventa polas tres primeiras edicións deste festival, que coincidiron coa eclosión do célebre rock bravú. Por iniciativa do desaparecido grupo chantadino Rastreros, pola vila desfilaron nesa época formacións e solistas tan coñecidos como Skornabois, Pinto d'Herbón, Papaqueixos, O Caimán do río Tea, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Manolo Kabezabolo. Un dos momentos máis recordados desa etapa foi a redacción e presentación do Manifesto bravú nunha cantina da parroquia de Viana, a primeiros de novembro de 1995, un feito que colocou a Chantada nun lugar destacado do mapa da música popular galega de finais do pasado século. Pero os que asistiron como espectadores a algunha das edicións do primitivo Castañazo recordan tamén a orixinalidade que supoñía entón esa proposta e o singular ambiente que lograron crear os concertos celebrados nas naves do mercado gandeiro, un escenario acorde co espírito de reivindicación da cultura rural que caracterizou o movemento bravú. Para resistir mellor o frío que acompañou a algunha daquelas actuacións nun lugar nada caldeado, os organizadores ofrecían ao público un menú a base de castañas asadas e viño, moi acorde coa época do ano e coas tradicións do mundo rural.

Aqueles concertos, por outro lado, non deixaron de causar certa desconfianza ou estrañeza entre algúns veciños do municipio, que se sorprenderon ao ver chegar eses días á vila a un bon número de forasteiros con cristas na cabeza e con outros aditamentos indumentarios entón pouco comúns na zona. Os organizadores queixáronse, por outra parte, polo feito de que algún deses concertos se celebrase coa presenza de varios coches da Garda Civil e de que algúns dos asistentes fosen identificados e incluso rexistrados polos axentes da orde pública. En calquera caso, os antigos Castañazos non deixaron memoria de ningún incidente digno de mención. Polo que se ve, en cambio, si deixaron un importante rastro de nostalxia.