«Teremos un experto asador arxentino na Festa dos Cordeiros de Saa»

Marina Fernández

MONFORTE DE LEMOS

08 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

monforte | Francisco Miranda, veciño de Saa, un pobo da Pobra duns oitenta habitantes, forma parte este ano da comisión encargada de organizar as festas patronais. Xunto ao presidente da mesma, Luis de Porraco, Fernando de Pego e Jaime Carballo da vida a unhas festas que son posibles grazas á colaboración de todo o pobo. As celebracións en honor da Nosa Señora da Asunción durarán tres días, 14, 15 e 16 de agosto.

-¿Cal é a principal novidade deste ano?

-O máis novedoso é o cambio de emprazamento da festa. Este ano celébrase na área recreativa que o obradoiro de emprego levantou á beira do río. É un local social que conta cunhas boas instalacións.

-¿E o prato forte?

-O primeiro día ábrese cunha queimada e chocolatada populares e a música do grupo Luna. Para o día grande, o 15, contamos coa actuación ás doce da noite da coñecida Lucía Pérez. Esta é un dos principais espectáculos das festas. Pero, sen dúbida, un dos reclamos será a Festa dos Cordeiros, o día 16, na que un experto asador arxentino preparará todos os cordeiros ó espeto que fagan falta.

-¿Resultou complicado organizar unhas festas tan completas?

-A verdade é que non, porque moitos veciños prestan a súa axuda. É unha colaboración entre todo o pobo. Dos 12.000 euros invertidos, a metade provén da comunidade de montes, e a outra das cuotas dos propios veciños.