A Biblioteca Galicia en Mûr

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Enriquecemento dos fondos bibliográficos dende 1998 O concello de Sárria aportou obras de autores da comarca. A asociación da irmandade entre as dúas localidades tamén está facendo entrega de libros e material audiovisual

12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

En xullo de 1998, a primeira expedición de sarriaos que, no cadro da irmandade establecida co Pays de Guerlédan, na Bretaña francesa, se dirixiu co alcalde don Arturo Corral Guitián á súa fronte, era portadora de perto de dúas centenas de libros de temática galega, en lingua galega e castelá. Estas obras serviron de base para que a vila muresa conte hoxe con amplos fondos bibliográficos, incrementados en anos posteriores nas expedicións habidas con don Claudio Garrido Martínez e don Xosé Antonio García López, con ocasión das acollidas bianuais no Pays de Guerlèdan. Foi decisiva para esta formación a colaboración da Deputación Provincial de Lugo que, a traveso do seu servizo de publicacións, vén facilitando regularmente as novidades editoriais publicadas, e tamén se facilitaron exemplares polas restantes deputacións galegas e a Fundación Barrié de la Maza, e servizos de publicacións das diferentes consellerías da Xunta. Aportacións de Sárria Pola súa parte, o concello de Sarria ben aportando as obras de autores sarriaos e as publicacións por el promovidas, ó tempo que a Asociación Cultural Irmandade Sarria-Guerlèdan está facendo entregas dos tomos editados da Gran Enciclopedia Galega, edición en lingua galega, xunto con material audiovisual (películas da cinematografía galega, de temática histórica, turística, etc.), de maneira que Mûr de Bretagne constitúe un caso especial á hora de ofertar en Francia o acceso a publicacións galegas e españolas de salientables efectos. Última entrega en Mûr Con ocasión do recente desprazamento dunha embaixada sarriá a Mûr de Bretaña, entre os días 19 e 24 de xullo, fíxose entrega, na sede da biblioteca, ó alcalde de Mûr, Alain Auffret, dun amplo lote de publicacións facilitado pola Deputación Provincial de Lugo, así como dos últimos tomos editados da enciclopedia galega. Todo isto no marco dun sinxelo acto no que tomaron parte, ademáis, o alcalde de Sárria, don Xosé Antonio García López, e os responsables do Comité de Jumelage e da Asociación de Irmandade. Nas vindeiras xornadas de irmandade, como é habitual, procederase á entrega de novos fondos, de maneira que moi axiña a Biblioteca Galicia muresa, constituirá un referente para cantos bretóns pretendan coñecer a realidade cultural, social e económica de Galicia, ademáis de temas relacionados coa lingua e a literatura española e iberoamericana. De feito, o que se pretende é que, tanto a lingua galega como a castelá e portuguesa, poidan ser obxecto de coñecemento e estudo nesa localidade do centro da Bretaña. Punto de encontro Na actualidade, Mûr de Bretagne é o punto de encontro de tódalas irmandades entre as localidades da Bretaña francesa, o que, unido á súa centralidade xeográfica, permitirá no futuro que sexa un auténtico foco difusor da nosa cultura. O enriquecemento que supón o establecemento de irmandade entre comunidades diferenciadas, no marco das actuacións da Comunidade Europea, dá lugar a actuacións como a que a Asociación de Irmandade Sárria-Guerlèdan ven levando adiante dende hai oito anos, e que vai máis aló do que algúns coidan que é un irmandamento. Do que se trata é de establecer elos duradeiros e afectivos de colaboración, contribuíndo ó mutuo coñecemento, ao afortalecemento de liñas de colaboración, e establecer amistade entre persoas de tódalas idades e condicións, a través de programacións variadas.