
Leva toda a vida co instrumento ao lombo; e bota en
falta que se axude de veras á xente que vive o folclore
CÉSAR QUIÁN
Había unha vez un home posuído por un instrumento. Xosé Temprano Castro (A Coruña, 1940) non está enteiro se non lle sae un ronco por detrás da cabeza. A súa paixón polo folclore din que non é deste mundo.
-É vostede un polifacético. Gaiteiro, xubilado da Fábrica de Tabacos, fotógrafo afeccionado... ¿Qué é vostede?
-Eu como do tabaco, traballei toda a vida na fábrica, toda a miña familia: meu pai; meu avó, que morreu no ano 21 e tocaba o acordeón diatónico; a nai da miña avoa... ¡O reloxo da fábrica case nos pertence aos Temprano de Eirís!
-¿E a paixón pola gaita?
-Con dez anos andaba todo o día atrás dos gaiteiros: meu tío, meu pai co tamboril... ¿Sabes como os atopaba? Miraba ao ceo, buscaba onde botaban os foguetes e alá ía: Eirís de Abaixo, Eirís de Arriba... Ninguén se lembra dos fogueteiros. ¡Hai que ver como desfrutaban eses homes co chisqueiro! ¡Que sorte tiven ser gaiteiro! Vouche dicir algo: non hai político que represente a Galicia no mundo como un gaiteiro. Eu comecei cunha gaita a enredar só e seguín con Fernando Álvarez. ¡Sabía o programa de todos os grupos da Coruña!
-Agora, despois de anos, a gaita xa ten o recoñecemento que sempre mereceu e non sempre tivo...
-Na miña época, na do meu pai, os gaiteiros non vivían disto. Todo era una afección. Para min tamén o é pero, no meu caso, é una enfermidade. Eu estou chutao no folclore.
-Din que os vellos roqueiros nunca morren, tampouco os vellos gaiteiros...
-¡Iso di Enrique Otero [mestre gaiteiro de Vigo]. É unha vida que comeza e xa non acaba: o coro de Cántigas, o de Tabacalera... Antes, a xente botaba vinte anos ou máis nun coro. Hoxe, un rapaz colle unha gaita, déixaa, baila dous anos, deixa... Tes que poñer unha cousa na entrevista: o grupo da Sección Femenina da Coruña foi o mellor grupo que houbo. Foi na ditadura, pero aí quedou.
-Moito mundo andando co instrumento ao lombo...
-Poitiers, Lemans, Tours, París, Castellón de la Plana, Festival da OTI en Buenos Aires, Amsterdam, Róterdam... Logo douche un informe completo por escrito. A Francia fomos en tren. As cousas están aí, antes había unha seriedade, unha disciplina... Dígoo con cariño. Imaxínate o que foi para un rapaz saír de Monelos e aparecer en París. Non sei se sabes que, no 34, o meu padriño embarcou como gaiteiro no Juan Sebastián Elcano para dar a volta ao mundo. Os Temprano sempre estivemos aí.
-¿Toca todos os días?
-Ensaio pouco, teño tempadas. Igual toco todo o mes como teño campañas de estar parado, as cousas como son.
-Tocar a gaita nun piso non é doado, sobre todo para os veciños...
-Os veciños teñen que desculparme pero, ao final, se non toco xa me din: «¡Xa hai que non te escoito!»
-A gaita deulle moitas satisfaccións. ¿E decepcións?
-Levei moito sopapo sen ter por que de xente, digamos, impresentable. No folclore estarei mentres poida soprar, pero hai xente... Se o folclore dera cartos, xa hai tempo que me terían aforcado na praza de María Pita.
-Un desexo gaiteiro...
-Nunca pedín nada a ninguén. Algún día deixarei os meus instrumentos para un museo, os libros, as fotografías... Na Coruña deberían facer un museo de folclore.
-Mándelle logo o recado ao alcalde Losada...
-É verdade, aquí, de folclore, nada.
-¡Mire que ben o ten montado Foxo en Ourense! [A afirmación vai con ironía, sabedor de que Temprano non comparte para nada a visión que ten do folclore Xosé Luís Foxo].
-¡Aí non entro, que me enveleno!
-Bon, home, outro xeito de entender a cousa...
-¡Non me...! Andan con ese tambor que parece da raíña Perica de Inglaterra... con iso non podo. Agora andan a reclamar tamén que volva o Ballet [Rei de Viana]. Dígoche o que penso: o Ballet foi un comecartos, e eses cartos deberían repartilos con todos os nenos das parroquias. Tamén hai outra cousa: temos demasiados grupos, sobran a metade. Sería mellor reforzar os grupos de verdade. ¡E falo contra min, que dou clases! Tería que haber menos grupos e xuntarse máis. E conservar o noso, todo o que nos deixou esa xente que foi ao conservatorio do muíño, do adro, do toxo e das patacas.
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177