
OPINIÓN
Julio Verne escribiu fantasías marabillosas, e algunhas co paso do tempo chegáronse a cumprir. Soñou cun trebello co que percorrer o fondo dos mares e un día pilotando un submarino, o home fixo seu o océano. Soñou tamén que o home viaxaba á lúa, e acertou. Digo eu que tamén puido deixar escrito, por se acaso se cumpría, que en España, no século XX, xamais existiría unha guerra civil que truncase os logros recoñecidos pola Constitución do ano 1931, que recoñecía por primeira vez na nosa historia, a igualdade da muller fronte ao varón, para terminar coa situación de submisión na que viviamos desde o século XIX e lexitimada polo Código Civil de 1889. De novo fomos condenadas a 40 anos de desigualdade e represión ata que a Constitución de 1978 chegou no noso auxilio.
Pero nesa época escura existiron mulleres como a miña avoa, tamén visionaria, aínda que dos seus soños non deixou nada escrito, ela tan só sementou, clandestinamente, a rebeldía nas súas fillas e nas súas netas: «miña xoíña» -díxome un día- «ti estuda moito, e de maior poderás ser o que che dea a gana, coma se queres pilotar un avión». E atinou¿ Ela soñou un mundo mellor para nós, que na súa época as mulleres xamais pensaron en acadar. A partir de aí a dura loita foi das fillas das que foron nais naqueles tempos, máis tarde tocounos ás netas, e aínda que xa chegamos lonxe, queda moito camiño por percorrer, pero queda demostrado que non somos nin mellores nin peores por sermos mulleres, senón sinxelamente iguais. Eu tamén quero ser visionaria como a miña avoa e dicirlle ás miñas fillas: Xoíñas, vós non sufriredes xamais a violencia de xénero, porque a xustiza e a sociedade, é implacábel con quen a exerce, xamais perderedes o voso emprego a causa da maternidade nin vos veredes obrigadas a abortar de estardes soas, porque vos ampara o estado de dereito, xamais o voso xornal será inferior, en igualdade de condicións, ao dun varón, nin sufriredes acoso sexual, porque as leis aplícanse sen excepción, e a vosa parella, por fin, xa non vos axudará coas tarefas do fogar, senón que as compartirá. Eu, por se acaso, vouno deixar escrito, por se teño a ventura de ser coma Julio Verne.
Artigo gañador do Certame Dora Vázquez
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177