
Vivir da morte é un paradoxo posible; hai trinta anos que
José puxo a andar unha factoría que hoxe é punteira, e prefire
ver o seu traballo máis como unha obra de carpintería
PACO RODRÍGUEZ
Dicía o enterrador: «Que Deus lle dea traballo a cada un no seu». E o traballo non falta na fábrica que fundou hai trinta anos en Piñor (Ourense) José Gallego González (Barrán, 1942). Os seus fillos Víctor e Eduardo déronlle novas ansias a un negocio que está moi vivo.
-Máquinas de control numérico, 900 ataúdes ao mes e aspirando aos 1.200, pedidos en toda España, 15 traballadores... ¡Na cousa das caixas van vostedes a morte!
-Novecentas si, pero depende da calidade da caixa; hainas que enredan e levan moito tempo, hai outras que levan menos. Tamén temos outro problema: se fas moitas, non hai quen as queira.
-Mortos non faltan...
-Si, pero a caixa non é coma un traxe, que se compra en rebaixas aínda que non faga falta. Isto, se non fai falta, non o compra ninguén.
-Fan «caixa» coa desgraza doutros, perdoe...
-Non pensamos que sexa para alguén, senón que estamos a facer carpintería, un moble. Non reparamos en que é unha caixa, iso non daría moito ánimo para traballar porque, ao mellor, estámola facendo para nós. Ás veces, quen vai dentro é unha persoa pola que levas moita lástima. Pero é a vida así.
-Cando vai a un enterro ¿está máis pendente do morto ou do envoltorio?
-O que entende como é a caixa, sempre lle mira os defeutos , é normal.
-¿Unha caixa é máis un traxe ou un envase?
-Non sei como lle dicir. É máis como o último traxe que un leva na vida. E hai quen quere o mellor, e hai a quen lle vale máis sinxelo; depende do gusto ou dos cartos.
-¿O xénero ten máis saída por tempadas? Non sei, no outono, coa caída da folla...
-Cando chega o inverno, véndese máis, hai xente maior que está moi delicada. ¡Sempre morren máis polo frío que polo bo tempo!
-¿Chegarán as caixas de plástico ou será por riba do seu cadáver?
-Non lle podo dicir.
-Coidado cos chineses...
-Si, home, pero entre o porte de alá e o barato que nós traballamos, moita competencia non van facer (ri). Por certo, que xa hai caixas chinesas, pero non gustan. Nós mandamos algunha de mostra para alá, ¡O mesmo era para copialas... Eu que sei!
-¿Para marchar ao outro mundo hai que ir á moda?
-Eu tívenme que actualizar hai quince anos para facer caixas cadradas. Agora houbo que comprar outras máquinas para facelas redondeadas. Dentro de pouco vai ser como no Corte Inglés, haberá que ter de todos os modelos.
-En confianza: ¿xa ten escollida a súa?
-Cando me chegue a hora, que me poñan a que queiran, non quero pensar en cal vou ir. Váleme calquera, nós témolas todas boas.
-Moito cambiou o conto desde que as caixas se facían a man...
-Un dos primeiros que traballaron aquí facía a caixa e levábaa enriba da cabeza ata o destino durante varios quilómetros.
-Ninguén lle veu reclamar desde o outro mundo...
-No meu pobo había uns veciños que eran tres, todos solteiros, e dicían: «O primeiro que morra ten que vir dicir como é aquilo». Pero non apareceu ninguén.
-¿Algunha encarga especial? Tallas grandes e así...
-¡Si, ho! Xa fixemos algunha que había que pousala no chan e subir a un escalón para cravar a tapa por riba, non se lle chegaba para poñer as puntas. Se cadra, era tres ou catro veces máis alta do normal. Unha foi para Lugo e supoño que sería para algunha persoa que era un fenómeno.
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177