
Libre de prexuízos, o líder da Unión do Povo Galego di que está descubrindo que moitas zarzuelas son unha especie de parodia dos aspectos máis tópicos da españolidade
ÁLVARO BALLESTEROS
Cantar a dúas voces Violetas imperiales nunha cafetería co líder da Unión do Povo Galego é algo que hai que contar. Nas entrañas de Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol, 1945) hai vida máis aló do Congreso dos Deputados.
-Mire que fala a xente, ¡Ata din que vostede é o xefe invisible do Bloque!
-Sempre hai mitificacións de carácter social. No caso galego é máis grave porque non existe, nunha organización tan democrática como o BNG, a posibilidade de que iso estea en mans dunha persoa. Hai unha tendencia a que, se alguén simboliza unha posición nacionalista, convertelo nunha especie de demo. Calquera parecido coa realidade é mera coincidencia.
-¿Por que sae cabreado nas fotos?
-As fotos están controladas desde o punto de vista mediático, hai unha intencionalidade manifesta que non vou comentar, pero que é obvia. Un pode ser máis ou menos bonito, pero hai actitudes e xestos que se escollen entre centos.
-Cando quita a roupa de político ¿a que dedica o tempo libre?
-Fago algunha escapada para ver unha película en versión orixinal e algunha vez, moi remota, unha zarzuela ou unha representación teatral, mellor se é un musical.
-¿É verdade que ao pasar por diante da súa casa de Ferrol saltaban os pasodobles pola ventá?
-¡Nooon, tanto non! Pero é verdade que me gusta certa música, aínda que teña connotacións de españolidade. É curioso, estou descubrindo que moitas zarzuelas teñen anacos que, aparte de moi divertidos, son unha especie de parodia dos aspectos máis tópicos da vida española. Outras son moi agresivas e ideoloxicamente intencionadas, pero eu pásoo moi ben escoitando La del manojo de rosas. Gustoume moito El hombre de La Mancha, con Paloma San Basilio e Pepe Sacristán. Non teño ningún tipo de prexuízo.
-¿Tamén a copla, «El tatuaje», «La bien pagá»...?
-Aí fago unha certa distinción. Hai cousas que están para min tan connotadas que non é que me amolen, pero non me acaban de entrar. Sonche máis de Luis Mariano, de Gloria Lasso...
-¡Canastos!
-Tamén me gustaba Marujita Díaz, cousas de Sarita Montiel. Fanme gracia, pero non por burla, tráenme á cabeza grandes cousas, Polichinela, El último cuplé... Todo o mundo sabe que teño unha tendencia á comprensión tremenda do que me parecen a min cousas exóticas en relación con Galiza.
-¿E as corridas? De touros, digo...
-Iso non, son algo excesivamente usado como símbolo político.
-¿Ve posible unha zarzuela cantada en galego? Non sei, adaptar «La del manojo de rosas» como «A da manchea de grelos»...
-Todo é posible, pero non é necesario nin conveniente. Sería máis interesante contar cunha canción lixeira en galego, ben feita.
-A ver que me di deste «estribillo» pitavareliano e zarzuelero: «Os do non».
-Un tópico inxusto.
-¿E destes títulos? ¡La Coruña!, repito, «La»-Coruña.
-O último que pode ser un é un renegado.
-El Ferrol del Caudillo.
-Aí mestúrase todo, a marca colonial coa inxustiza histórica. Ferrol existe por si mesmo e, en todo caso, para min sería Ferrol de Carvalho Calero ou de Guerra da Cal.
-¿Galicia ou Galiza?
-Galiza, por moitos motivos.
-¿Don Manuel?
-Respeitable. Outra cousa é que ese don indique subordinación, adulación ou caciquismo.
-¿E don Xosé Manuel?
-O mesmo. Á xente pódeselle respeitar e, incluso, ser críticos con eles, sen poñerlles o don.
-Cánteme unha pinturera...
-Ou unha galega: «O río cando vai cheo, leva carballos e follas. Tamén podía levare as linguas murmuradoras».
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177