
No día en que comeza o verán, Medal bota por terra os falsos mitos vencellados ao ceo e descrebe as dificultades para atopar intelixencia extraterrestre
EDUARDO
Chegou o verán. Ás 2.57 horas desta madrugada o Sol alcanzou o punto máis alto no seu camiño anual entre as estrelas do ceo. Día case sen sombras, o astro rei na vertical. No firmamento galego, Sirio, estrela de estrelas; Betelgeuse, a xigante vermella; as Tres Marías, o cinturón de Orión; a Polar, Saturno e, cruzando a negrura, a banda clara da Vía Láctea, o chorro de leite derramado por Hera con Hércules no colo mamando a cachón. Así o conta el. Juan Carlos Medal divulga a astronomía sen dogmas, pola vía procedemental (adeus ao concepto) e co home como protagonista absoluto. Di que ciencia e filosofía veñen sendo o mesmo, e confesa que o máis asombroso do universo, «como dixo Einstein (e eu estou dacordo con el), é miralo e pensar que o ser humano é capaz de facer modelos sobre como funciona».
-¿Hai alguén aí fóra?
-Que saibamos non, pero é probable. Nun universo con 100.000 millóns de estrelas e miles de millóns de galaxias, é un exercicio de modestia e humildade pensar que non imos ter nós o privilexio de ser únicos. Hai proxectos moi costosos na busca de intelixencia exterior, o SETI, mesmo coa participación de premios Nobel, que recibiron sinais electromagnéticos, como un bip bip bip con certa cadencia, e quedaron desconcertados. Pero é complicado: por falar da estrela máis próxima a nós, Alfa Centauro, calquera mensaxe que queramos enviar, mesmo un «hola», tardaría cinco anos en chegar alí; «bos días», responderían, e outros cinco anos de volta... E iso coa estrela máis próxima: con galaxias que están a un millón de anos luz de nós xa non che conto...
-Polvo de estrelas.
-Iso é o que somos, a idea que cambiou o paradigma da terra, perecedera e corruptible, e o séptimo ceo, perfecto e inmutable. O feito de que os ladrillos que forman o universo son os mesmos que forman este mechero ou esta mesa, que o forno onde se forxaron é o mesmo: as estrelas. O calcio dos nosos ósos e o ferro do noso sangue naceron, orixinariamente, na explosión dunha supernova.
Medal non cre nos horóscopos, pero síntese atraído polo número pi, o áureo de Leonardo, e explica que establecendo unha serie numérica coas distancias entre os planetas observouse que entre Marte e Xúpiter a secuencia sofría un corte, insinuando a existencia doutro planeta. «E efectivamente, xusto alí, entre Marte e Xúpiter, está o cinturón de asteroides, planeta despedazado en millóns de fragmentos».
-¿Hai usos asociados á observación do ceo?
-Máis dos que parece. En moitas vilas galegas como Sada ou Redes hai calexóns de Venus dirixidos ao lugar por onde sae o planeta, ben ao amencer ou na posta do sol. E no planetario da Casa das Ciencias, unhas mulleres de Bergantiños reveláronnos nunha ocasión que ao cinturón de Orión alí o chaman as estrelas do leite, porque a súa posición, xusto por riba do horizonte, alertaba ás leiteiras da hora que era.
-¿A lúa axuda aos partos ou non?
-Nin aos partos, nin a nada. Sendo honrados e seguindo a Newton, temos que dicir que nun parto é máis importante a presenza da comadrona que a da lúa chea. Pensa que a gravitatoria depende de dous factores: a masa e a distancia. Masa está claro que ten máis a lúa ca a comadrona, pero ela está a un metro e a lúa a 400.000 kilómetros, de xeito que a asistente acaba tendo un efecto de marea nos líquidos da bolsa maternal moito máis importante, si.
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177