
«A intelixencia por si soa non resolve absolutamente nada, non serve para coñecernos, necesitamos doutras formas e a palabra poética pode ser unha delas»
SANDRA ALONSO
Mentres fala, Alfonso Pexegueiro, intercala versos do seu libro para reafirmar a condición vital e útil da poesía. Seraogna é un poemario en moitos sentidos iniciático, que agora volve lixeiramente ampliado.
-Hai algunha diferencia entre a edición de 1976 e a que aparece agora.
-Hai un poema moi significativo que se titula A canción de Seraogna , escrito en español, e foi o primeiro poema do libro, porque o libro comezou a escribirse en Madrid. Non apareceu naquela primeira edición e creo que é significativo porque case define o libro no sentido de que Seraogna é o outro, é o coñecemento dun mesmo a través do outro e o coñecemento do outro a través dun mesmo. Na primeira edición non saíu porque estaba en español, non se traduciu e agora decidín incluílo.
-¿Cal é a identidade e os límites de Seraogna ?
-Eu digo que é un libro moi actual. Foi un libro co que eu me enfadei moito daquela polas circunstancias nas que saíu e mesmo o tiña tachado. Pero a partir de que Luciano Fernández Martínez fixera a edición para Xerais empecei a reconsiderar o libro. Hai tres puntos importantes. Como empeza: «O corazón gabea e observa/ pero a vida morre». Segue máis adiante e di: A historia hoxe detense un intre, retórcese e cuspe sangue. Porque no libro están xa dúas constantes da miña poesía, a infancia e o femenino, tamén a liberdade, claro. Logo tamén está a elección do campo e da terra, porque o libro é un encontro con Galicia. O título, Seraogna , é un xogo anagrámico do pobo onde eu nacín, Angoraes, é o nome invertido. O libro foi en certo sentido un xeito de quedarme en Galicia, un encontro co país e coa lingua, que estaba no inconsciente, porque eu son fillo de campesiños e non sabían falar máis ca galego. O encontro prodúcese porque vas atopando o home de Seraogna ou a muller de Seraogna e vanse definindo polos versos: renxe o mastro da noite no tempo, que me parece forte. Despois o home: «crávanos as mans contra as paredes do mundo». Así que aí levántanse as preguntas: quen nos crava as mans. Hai distintos asuntos que se van presentando no libro como unha introducción . Hai un limiar que dice: «mentres buscamos a maneira de darlle a volta ó mundo, campesiño». Esa necesidade de cambiar o mundo e eso é unha cousa que eu penso que só pode facer a poesía, só a poesía nos pode sacar dos infernos que a intelixencia crea. E Seraogna é como o comezo da miña poesía, o meu primeiro libro publicado.
-Esa frase sobre a intelixencia e a poesía é, cando menos, paradóxica porque sempre se pensou que a intelixencia debería liberarnos de moitas cousas.
-A intelixencia por si soa non resolve absolutamente nada. De feito agora xa se distinguen diversos tipos de intelixencia, a emocional, a sensible, a práctica. A intelixencia pode ser moi perigosa. Cantas personas que consideramos intelixentes están destruíndo o mundo. A poesía, en cambio, é unha ponte entre o coñecido e o descoñecido. Din que a poesía non serve para nada, pero a súa función está clara. Noutro libro meu, Hipatia , hai unha frase que di «a intelixencia xa non serve para coñecernos», polo tanto temos que buscar outras formas e a poesía é unha delas.
-A intelixencia debera estar ó servicio doutras cousas.
-Hai que ter en conta os soños, hai que ten en conta a sensibilidade, hai que ter moi en conta ó outro. O outro sempre está aí e sempre nos enfronta a nós mesmos.
-Falaba de Seraogna e tamén describe un territorio mítico.
-Si, porque a poesía nos axuda a coñecer as cousas e toca terreos ós que nós non podemos chegar. Pasa como cando falamos de figuracións. Ou vamos ó abstracto ou non temos nada que facer. Cando nós chegamos ó concreto é como se as cousas estiveran feitas. Necesitamos unha anticipación e a abstracción pode sela, tamén para a poesía.
LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649
© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177