Así non, señores xunteiros

Lois Trigo

GALICIA

26 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Baixo a pretensión falaz da mellora da calidade meteuse de rondón un ataque ao ensino público, ás condicións laborais do profesorado e tamén unha agresión ás organizacións sindicais. A consellería saltou polos aires as normas que rexen a negociación colectiva, pois presentou a súa proposta nun momento indebido para a discusión e pretende impoñela rompendo un pacto asinado por todos os sindicatos. Pero indo ao cerne do contido, trátase de volver a unha situación anterior a hai uns anos, en que se producía unha anacrónica discriminación do corpo de mestres con respecto ao de secundaria, así como un intento de mellora plausible da calidade do ensino, ao facilitar ao profesorado poder dedicarse durante a xornada a actividades que os tempos requiren como a atención á diversidade ou ás novas tecnoloxías. ¿Que se agocha entón detrás da medida? A coartada para reducir de forma drástica o profesorado e para cargar as baionetas contra o ensino público. Se se trata de aforrar cancelen concertos con colexios privados, non leven a cabo enquisas inútiles e non dilapiden diñeiro coa mendaz gratuidade solidaria. Pero así non, señores xunteiros.