«Non son un líder carismático; o pobo entendeu a mensaxe do noso equipo»

Luís A. Núñez NARÓN / LA VOZ

GALICIA

José Manuel Blanco, alcalde de Narón, di que «os veciños apostaron por un grupo que goberna dende o 79»

23 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que o PP lle plantou cara nas pasadas eleccións ao que ata hai pouco máis de dous anos foi o número dous de Xoán Gato, José Manuel Blanco (nacido en 1952 no desaparecido concello de Serantes, agora anexionado a Ferrol como parroquia) acadou a maioría de votos para Terra Galega cunha axustada vantaxe de pouco máis de 200 votos.

-No mapa de novos gobernos municipais de Galicia, Narón é o único concello gobernado por Terra Galega. ¿Son coma unha aldea gala?

-Narón é un pobo convencido de que a política debe levar ao seu desenvolvemento, e os votantes sempre premian ao noso equipo. Incluso tendo en conta que unha persoa tan importante como foi o anterior alcalde tivera presentado outra lista, os veciños apostaron por un grupo que segue gobernando dende o ano 79, o que demostra que a política non está baseada en individualismos.

-¿Que pasou con Xoán Gato?

-Cando decidiu presentarse ás eleccións autonómicas con Terra Galega, tivo que dimitir como alcalde. Despois decidiu marcharse de Terra Galega alegando a presidencia da Cámara de Comercio e posteriormente integrouse nun novo partido. As razóns... É unha cuestión del. Só quero lembrar que cando o partido decidiu nomearme candidato, el formaba parte e defendeu a miña candidatura.

-Era, polo tanto, a primeira vez que se sometía a sufraxio como cabeza de lista. ¿Que lle din os resultados?

-¡Que máis orgullo que ser alcalde do teu pobo sendo a lista máis votada! Eu non son un líder carismático; o que pasou é que o pobo entendeu a mensaxe do noso equipo. Fomos capaces de explicar o noso proxecto e que se entendera. E iso lévame a unha obriga moi grande de traballo para non defraudar esa confianza que puxeron en min.

-Se non fose alcalde, ¿onde estaría José Manuel Blanco?

-Facendo algo. Sempre fun moi participativo. Estiven no comité de empresa, nunha asociación de veciños... Estaría en calquera actividade que participe en algo porque penso que todos temos que quitar un pouco de tempo de onde sexa para axudar no desenvolvemento do noso pobo... Aínda que agora, por idade, me tocaría máis atender á miña neta e apuntarme aos viaxes do Imserso, que é unha das cousas que máis me gustan.

-Vostede foi un dos protagonistas no ascenso económico e demográfico de Narón. ¿Cal foi o segredo dese crecemento?

-Non creo que Narón teña ningún segredo nin que sexa ningún milagre. Aquí partimos de dúas cousas, o proxecto de cidade establecido no plan de urbanismo de 1985 e un desenvolvemento constante, sen altibaixos, dando prioridade ás necesidades básicas dos veciños. Un exemplo é que ata a pasada lexislatura Narón nunca celebrou unhas festas propias como Concello, porque criamos que era máis interesante investir en servizos. Sempre tivemos claro que isto era como construír unha casa: primeiro coa cimentación, despois constrúense os muros e, por último, ponse bonita.

-E agora están nesa última fase. ¿Quere dicir iso que o proxecto está a piques de rematar?

-A Narón aínda lle quedan uns 15 ou 20 anos para que se considere unha cidade con todas as súas fortalezas.

-¿Cal é o teito de Narón?

-Se seguimos co crecemento previsto, non hai teito algún, porque temos suficiente espazo para desenvolvernos. Sería importante manter unha media de 700 a 1.000 novos veciños ao ano. Por iso seguiremos traballando en zonas verdes e cohesionar os barrios.

José Manuel Blanco Alcalde de Narón